ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / II Xornada de Eliminación e EEI no río Limia

27-09-2016

II Xornada de Eliminación e EEI no río Limia

Eliminación de Ludwigia grandiflora no ZEC Río Limia

A actuación enmárcase no “Programa de Educación, Divulgación e Voluntariado Ambiental para a Conservación de Especies e Hábitats”, que conta co apoio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Os traballos de eliminación no río Limia foron unha continuación dos iniciados pola Delegación de Ourense da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en 2014 e polo voluntariado de ADEGA en 2015, sobre a Ludwigia grandiflora, especie acuática moi perigosa que está a invadir a canle do Limia.

O obxectivo da xornada foi valorar a efectividade da actuación desenvolvida en 2015 nun treito de 1,5 Km. A metodoloxía foi localizar, mediante toma de datos con GPS, as manchas de L. grandiflora e medir a súa superficie. Posteriormente, retiráronse de forma manual e almacenáronse en sacos. Con estas actuacións preténdese ver a evolución da poboación desta especie invasora para estudar a continuidade desta metodoloxía ou probar novas medidas. A conclusión tirada desta segunda actuación é que a metodoloxía foi efectiva dado que a presenza de manchas no treito escollido en 2015 foi moi reducida en comparación coa actuación de 2016, aparecendo so pes illados.

A xornada comezou o sábado pola mañá na Capela de A Ponte Liñares cunha charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas acuáticos. A xornada asistiron 9 persoas, de diferentes lugares de Galiza. Comentáronse os antecedentes de traballos desenvolvidos en lugares similares e en anos anteriores. ADEGA leva traballando na eliminación de especies invasoras con diferentes xornadas de voluntariado desde o 2008. Esta foi a segunda actuación no ZEC Río Limia por parte do voluntariado de ADEGA. Porén, é a terceira actuación desenvolvida neste lugar xa que dende a Delegación de Conservación da Natureza de Ourense da Xunta de Galiza xa se actuou en 2014.

Logo desta pequena presentación comezaron os traballos de inspección e seguimento dos traballos realizados no 2015 e despois continuar coa eliminación da especie obxectivo, L. grandiflora, que está a espallarse augas abaixo polo río. Distribuídos en dous grupos, nos que uns ían polo medio do río e outros pola marxe, fóronse localizando as manchas de L. grandiflora. Un terceiro grupo procedía a tomar os datos (localización, tamaño da mancha, etc)  e localizar manchas dende a parte superior da beira. A retirada fíxose de forma totalmente manual, eliminando tamén as raíces somerxidas e procurando que non quedara ningún fragmento da planta no río.

Cara o mediodía houbo un descanso para comer e retomar folgos. Logo de descansar continuaron os traballos. O grupo desprazouse ata a Veiga de Ponte Liñares onde se localizaron máis manchas, que foron medidas e retiradas do cauce. Todo o material vexetal foise introducindo en bolsas e acumulouse nunha pista ao carón do río para que os operarios da Delegación Provincial de Conservación da Natureza de Ourense os recolleran. A actuación desenvolveuse ao longo de 3,5 quilómetros de río. Dun total de 22 localizacións de L. grandiflora que medraban na canle do Limia, 14 foron de pés illados, e o resto de manchas de pouca entidade, sendo a maior de 12 m2 .
As 18:30h rematou a xornada de eliminación de especies exóticas invasoras.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal