ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Somos Cedeira e ADEGA exiximos o compromiso...

16-09-2016

Somos Cedeira e ADEGA exiximos o compromiso escrito de Costas coa avaliación ambiental da Madalena

Despois da constitución da Plataforma Cidadá Salvemos a Ría de Cedeira (PCSRC), o Concello de Cedeira conseguiu que se concretase unha xuntanza entre a plataforma e a Demarcación de Costas . Así o pasado 12 de agosto tivo lugar unha reunión na sede da Demarcación  na Coruña para tratar a restauración ambiental de praia da Madalena.

Nesa reunión, na que participaron o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, o concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal e dous representantes máis da PCSRC (integrada polo concello, confraría e membros da sociedade civil),  o xefe da Demarcación de Galicia, Rafael Eimil, amosou a intención de Costas delevar a cabo unha avaliación de impacto ambiental ordinaria (é dicir, completa, non simplificada), así como un proxecto construtivo de rexeneración ambiental. Incluirían diversas alternativas para ser obxecto de avaliación, e habería os preceptivos trámites de información pública para presentar obervacións e alegacións, tal como dispón a lexislación vixente.

Falouse tamén de acometer varias intervencións de carácter puntual relativas a aspecto como: reparar a ringleira de troncos, procurar melloras no canleamento dos regatos e rebaixar a cota da duna para quitarlle peso, facer unha pendente e revexetala con flora flora autóctona propia destes ecosistemas. Houbo o compromiso de que sería unha intervención única para acadar a estabilización da duna, así como que non se farían máis deitados de area na praia.

Quedouse así mesmo en enviar ao Concello o informe sobre a praia elaborado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente. Considerando que a día de hoxe aínda non tivemos acceso ao devandito documento, o que manifestamos de seguido pode verse alterado unha vez coñezamos o seu contido.

Posición de ADEGA e SomosCedeira

Unha das poucas demandas que subscribiron ADEGA, SC e o resto de entidades constituintes da PCSRC (incluido o grupo de goberno), era a de esixir AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL (AIA) dacordo co procedemento ordinario -completo- previsto na lexislación ambiental vixente.

Polo tanto, a nova transmitida na reunión do 12 de agosto polo Xefe da Demaración de Costas, Rafael Eimil, sobre a intención de levar a cabo a avaliación de impacto ambiental completa foi moi ben recibida, por ser crucial para o futuro da praia de Madalena. Así mesmo, somos coñecedores das moitas accións que Costas ten acometido tempo atrás na praia, e o moito dano que teñen producido para o ecosistema da ría estas actuacións.

Estamos convencidos de que Costas non terá inconvinte en deixar constancia escrita da excelente nova expresada polo Xefe da Demarcación.

Respecto á proposta de estabilizar o noiro mediante a súa reconfiguración e revexetación, a nosa posición sempre foi a de non tocar a duna, ao entender que só se perseguía rabuñar nela nas vésperas de cada verán, xa que no inverno o mar levaría toda a area rebaixada, como de feito aconteceu. De facerse así non tería sentido, en poucos anos non quedaría nada.

Non obstante, a nova proposta de Costas, baseada nunha única intervención orientada a quitarlle peso e altura –froito dos recheos recentes– , facendo unha pendente suavizada e revexetándoa, concorda co feito noutros lugares con bastante éxito.

A intervención iría complementada coa erradicación de planta exóticas invasoras en todo o espazo de titularidade de Costas, é dicir, o dominio público marítimo terrestre incluindo praia e traspraia. Tamén quedou expresamente claro que non habería máis deitados de area.

Nestas condicións, estaríamos dacordo coa proposta de estabilización do noiro.

Contido mínimo multidisciplinar da Avaliación Ambiental Ordinaria (completa)

Esta AIA completa precisa dun mínimo contido multidisciplinar e de ser preciso tamén con abordaxes interdisciplinares:

  • Definición, características e emprazamento do proxecto.
  • Estudo de ALTERNATIVAS.
  • Descrición do medio receptor (atmósfera, sedimentos, hidroloxía, auga, pesca e marisqueo, hábitats, fauna e flora mariña e litoral, morfoloxía costeira, dinámica litoral, comportamento hidrodinámico da ría, etc).
  •  Análise de impactos potenciais.
  • Medidas preventivas, correctoras e compensatorias.
  • Programa de vixiancia ambiental.
  • Planos.
  • Dinámica litoral e modelización hidrodinámica.
  • Caracterización dos sedimentos na ría e na praia.
  • Estudo Bionómico (Censos de flora e fauna, censos de especies ameazadas, exóticas invasoras, recursos explotables, endemismos, etc).
  • Estudos socioeconómicos, de patrimonio cultural e de integración paisaxística.
  • Informes doutras administracións afectadas.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal