Inicio / Novas / Delegacións / 20 anos despois do derrubamento de Bens, só 3 de...
12-09-2016
O 10 de setembro de 1996 derrubouse o vertedoiro de Bens na Coruña, naquel momento o de maior tamaño de Galiza, so superado posteriormente polo macro-vertedoiro de SOGAMA na Areosa.
Catro anos despois, xa en 2000, comezou a funcionar un novo plan de xestión do lixo coa planta de Nostián como principal instalación. Mais cando Nostián leva 16 anos funcionando e o derrube de Bens está a punto de cumprir 20 anos, a situación pouco cambiou. Hoxe no ámbito Nostián apenas se recicla o 15% do lixo, e a maior parte segue indo a vertedoiros, sexa en Nostián (vertedoiro aínda sen pechar) ou noutros puntos de Galiza como Sobrado ou Cerceda. Isto é un atentado ecolóxico como o foi Bens no seu momento.
O 68-69% de todo o lixo recóllese no contedor laranxa (entre 100.0000 e 120.000 t, segundo o ano), en principio destinado á fracción seca, pero que segundo fontes oficiais (PXRUG 2010-2020) contén máis dun 32% de MO compostable.
O 21-22% recóllese no contedor verde, cun índice de impropios do 28% (no centro da Coruña, este índice era moi inferior durante os primeiros 8 anos do proxecto, pero foi empeorando).
Por riba do 15% de impropios, a recollida non se considera como recollida selectiva. Portanto, a recollida selectiva limitase ao que os cidadáns entregan nos contedores de papel/cartón e vidro, e nos puntos limpos, que suma en total un 10% do lixo.
Valoración resultados 2011-2015:
O vidro, cun 53% é a única fracción que acada unha recuperación media. A recuperación de papel está estabilizada no 30%, do cal 2/3 é recollida selectiva e 1/3 recuperación en planta. Portanto, atópase en valores moi baixos.
A recuperación de EnL (toda en planta) aumentou nestes anos desde o 25 ao 35%, resultado das melloras na planta. Mais significa que 2/3 dos envases non se recuperan.
Así a recuparación total pasou do 13,4 en 2011 ao 15,1 en 2015. Só 3 de cada 20 kg de lixo son recuperados!!! O 50% da materia orgánica procésase para a obtención de biogás e estabilización biolóxica, pero a falta de calidade fai que se trate dun "compost" fora de especificacións, polo que non se califica de reciclaxe. Nostián debería compostar de forma separada o residuo recollido no contedor verde: só así podería acadar boa calidade.
Desde 2013, Nostián facilita a información de entradas e saídas da planta, o que signifia unha maior transparencia informativa que antes non se daba. Tamén desde 2015 o concello mantén un diálogo cos colectivos ecoloxistas, que apoian o Concello na adopción de medidas para mellorar esta situación. A comezos de 2017 vence o contrato de recollida do lixo. É imprescindible, portanto modificar e actualizar o modelo, xa que a recollida separada en orixe é a condición sine qua non para mellorarmos.
En resumo:
Para facer patentes as eivas deste modelo e incidir na súa necesidade de millora, ADEGA-Coruña organizou un acto no parque de Bens no que analisamos a "calidade" da separación. Para iso, colleitamos 6 boldas do contentor laranxa (envases e inertes), clasificamos o seu contido e pesámolo. Evidentemente, non se trata dunha mostra representativa, mais si aponta onde estan as principais eivas que provocan a mala calidade da recollida selectiva.
Os resultados para unha mostra do contentor de inertes, no que se supón que non debe ir a materia orgánica é o seguinte: 52% orgánico; 24% inertes, 19% vidro, 4% papel e 0,6% perigosos...
Para ADEGA isto tamén é un atentado ecolóxico!!!
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal