ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Construímos dúas novas charcas e recuperamos unha...

24-09-2013

Construímos dúas novas charcas e recuperamos unha poza de rego en Ourense

25 persoas participaron nesta xornada de voluntariado ambiental

charca castieixas

Esta fin de semana 25 persoas procedentes de varios lugares de Galiza, déronse cita na provincia de Ourense en Xunqueira de Espadanedo e Montederramo para participar nunhas xornadas de voluntariado ambiental adicadas a construcción e recuperación de charcas,  enmarcadas no proxecto Charcas con Vida.

O sábado 21 ás 10 da mañá os voluntarios e voluntarias chegaron a Xunqueira de Espadanedo,  ao mosteiro de Santa María, pertencente á Ribeira Sacra. Alí os coordinadores do proxecto presentaron as actividades a realizar e explicáronlles por qué as charcas son importantes e por qué é necesario conservalas ou coma neste caso “construílas”. O proxecto Charcas con Vida xurdiu este ano coa intención de divulgar e poñer en valor o valor ecolóxico que posúen os pequenos humidais. Tantas veces desprezados, estes ecosistemas, son lugares que albergan unha grande biodiversidade, hábitat de anfibios, réptiles, insectos, plantas… pequenos reservorios de auga e de carbono, e legado dos valores culturais moitas veces perdidos.

As labores se centraron na creación dunha charca nunha finca privada cedida mediante un acordo de custodia do territorio en concello de Xunqueira de Espadanedo. A custodia do territorio é unha nova e crecente tipoloxía de conservación do patrimonio natural ou cultural que xurde da cidadanía e para a cidadanía. É un xeito de conservar os recursos naturais por iniciativa dos propietarios e propietarias que manteñen acordos de custodia con entidades como ADEGA para a xestión dos seus terreos, comprometéndose a unha xestión responsable dos recursos. Deste xeito a finca A Ermida, é xestionada por ADEGA para o proxecto Charcas con Vida.

Coa axuda do voluntariado creouse unha charca de aproximadamente 50m2, aproveitando un manantial existente. Igualmente un pequeno grupo de voluntarias e voluntarios tamén traballaron na área recretiva As Lagas, realizando labores de mantemento nunha poza creada no ano 1991. Os traballos duraron toda a xornada, e pola noita o grupo de voluntariado aloxouse no Albergue de Gabín (Montederramo).

Ao día seguinte o grupo trasladouse a outra finca, desta vez no concello de Montederramo no pobo de Vilariño Frío. Para a realización destes traballos a asociación ADEGA mantén dende o 2008 un acordo de custodia do territorio coa propietaria destes espazo. Na finca chamada Castieixas se recuperaron dos pozos e canais de rega antigamente empregados polos veciños e veciñas do lugar, abandonados dende fai anos, debido ao cese da agricultura tradicional. A creación, ou mantemento destes pequenos humidais contribúe ao aumento de biodiversidade da zona, que poe empregalos como hábitat, lugar de acubillo, bebedeiro, etc. Mamíferos, insectos, anfibios, plantas e outros moitos seres vivos se verán beneficiados coas actuacións realizadas.

A recuperación dos pozos de rega tamén é un xeito de conservar e poñer en valor o patrimonio cultural dos usos tradicionais dos ecosistemas galegos. A xornada rematou cun roteiro polo Encoro de Edrada con observación de flora e fauna.

O proxecto Charcas con vida conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e realízase en convenio co CIBIO de Portugal.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal