ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / II Xornada de eliminación de invasoras no LIC...

20-06-2016

II Xornada de eliminación de invasoras no LIC Monte e Lagoa de Louro

A xornada comezou o sábado pola mañá no Centro Social de Louro, onde as 13 persoas participantes, de diferentes lugares de Galiza,  recibiron unha charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas dunares e nas lagoas. Tamén se comentaron os antecedentes de traballos desenvolvidos en lugares similares e da xornada desenvolvida en 2015. ADEGA leva traballando na eliminación de especies invasoras con diferentes xornadas de voluntariado desde o 2011. Esta foi a segunda actuación no LIC Monte e Lagoa de Louro.

A continuación, o grupo desprazouse ata a praia de Area Maior onde se desenvolveron os traballos de eliminación da especie obxectivo: Opuntia sp. ou chumbeira. Esta planta, estaba colonizando a parte superior da duna, de onde se retirou en 2015. Inspeccionouse a zona comprobando que non houbera ningún rebrote na zona traballada o ano pasado. Nun único grupo, o voluntariado foi eliminando e recollendo as chumbeiras das leiras limítrofes á parte superior da duna. Nunha delas, apareceron restos de ter podado unha ou varias chumbeiras, procedentes probablemente dos chalés da parte superior da praia, ou ben do chiringuito da praia, chamado “La Chumbera”. Estivemos falando cos responsables do chiringuito informándolles da actividade que se estaba a desenvolver e de que non se podían tirar os restos da poda das chumbeiras na duna, xa que estas prenden moi facilmente invadindo o espazo. Tamén se actuou sobre varios pes de Acacia melanoxylon. Unha vez retiradas as plantas, un grupo de persoas achegouse ata a contorna da lagoa para avaliar as accións que se desenvolverían pola tarde e recollendo especies da segunda planta obxectivo da xornada: Bidens frondosa.

Ao mediodía houbo un descanso para comer e retomar folgos. Logo, continuaron os traballos centrados no transporte do material vexetal eliminado cara a zona onde sería recollido para o seu tratamento. A chumbeira posúe unha elevada capacidade de rebrote, e calquera fragmento da planta que quede en contacto co chan pode xerar un novo individuo. Todo o material vexetal retirado depositouse nun contedor de obra facilitado polo Concello de Muros, encargado tamén da súa posterior retirada. Este recipiente ten unha capacidade máxima de 3 m3. Todo o material retirado ocupaba a metade do contedor, polo que o volume estimado de plantas retiradas é de 1,5 m3.
Unha vez carretados os restos de Opuntia sp. o grupo desprazouse, facendo un pequeno roteiro, cara a lagoa para, por unha banda, observar as aves acuáticas da lagoa e identificar especies de flora autóctona, e por outra, seguir eliminando pes de B. frondosa. Ademais desta planta, atopáronse outras invasoras na contorna da lagoa como a Hidrocotyle bonaerensis e unha especie de Iris alóctono.
O voluntariado puido advertir tamén a cantidade de lixo de todo tipo que hai por toda a contorna da lagoa e que supón unha grave ameaza para a biodiversidade do lugar ao ser un foco de contaminación: cordas, restos de paneis interpretativos, plásticos variados e un acumulador de auga quente foron os tipos de residuos atopados. Por parte das administracións (DX de Conservación da Natureza, Concello de Muros, Demarcación de Costas, etc.) deberíase actuar para retirar este lixo da zona, que supón ademais un moi negativo impacto visual e paisaxístico de toda a zona.
As 6 da tarde puxemos fin á segunda xornada de eliminación de especies exóticas invasoras na praia e lagoa de Louro.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal