ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis composteiros para Allariz!

17-06-2016

Máis composteiros para Allariz!

A veciñanza de Allariz xa non teñen escusas para non reciclar. Onte 16 de xuño fíxose un novo reparto de composteiros, nesta ocasión composteiros individuais que foron entregados a persoas da área rural que teñen horta ou xardín. Os composteiros van acompañados dun caldeiro de separación, un aireador e un manual de compostaxe caseira.



Previa á entrega houbo un curso de formación sobre a compostaxe impartido por ADEGA,  no que explicamos cal é a problemática cos residuos e medidas para aumentar a taxa de reciclaxe e obviamente consellos prácticos para xestionar adecuadamente un composteiro e resolución de dúbidas. O curso foi presentado por Bernardo Varela concelleiro de medio ambiente, que fixo unha exposición sobre o “Programa Re” de reciclaxe. O obxectivo é acadar taxas de reciclaxe dun 80%. As actuación que se están a levar a cabo son:  

Reparto de composteiros individuais para as persoas que viven no rural e teñen horta ou xardín. A día de hoxe hai xa máis de 200 composteiros repartidos e aínda se poden solicitar máis no concello. Aos composteiros fáiselles un seguemento para asegurar o correcto funcionamento e resolver dúbidas.

Na vila instaláronse 23 zonas de compostaxe comunitaria, onde as persoas que viven en edificios poden depositar os seus residuos orgánicos, tamén poden solicitar no concello un caldeiro para separar os residuos orgánicos na vivenda. Este proxecto vai acompañado dun proxecto educativo porta a porta.

Hai un servizo de recollida de orgánico para hostalaría, estes residuos son xestionados mediante unha máquina modelo Bighanna no polígono.

E no centro de ensino, o alumnado, está organizado para  xestionar un composteiro.

A participación neste proxecto está sendo moi boa e ao mesmo tempo que se separan os restos orgánicos tamén aumenta a separación selectiva do resto dos materiais; envases, papel e cartón e vidro.

Paralelamente, está semana extraeuse o compost da primeira area de compostaxe comunitaria que se puxo en funcionamento, que corresponde á zona do Fuxon. Catro meses despois sacouse e cribouse o compost que foi depositado nun big bag  para rematar a súa maduración. (Pódese ver o resultado nas fotos). En breve este compost será repartido entre as persoas que aportan os seus restos orgánicos na área. O proxecto de compostaxe caseira está subvencionado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e  Medio Ambiente dentro do plan PIMA




Máis info: María R. Lafuente
compostaxe@adega.gal
981570099/628378804

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal