ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Comunicado de desmentido por falsas acusacións...

09-06-2016

Comunicado de desmentido por falsas acusacións públicas contra ADEGA

Ante falsas informacións que veñen aparecendo nos últimos días na prensa de Lugo, nomeadamente en La Voz de Galicia, sobre a suposta “conivencia” de ADEGA e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para efectuar denuncias a cambio de subvencións, a organización ecoloxista ADEGA vese na obriga de emitir este comunicado para defender a súa honorabilidade e imaxe pública fronte ao que consideramos se trata dunha intencionada campaña de desprestixio artellada a través de certos medios de comunicación por aqueles que ven perigar os seus intereses privados pola acción loable desta organización:

-Desde ADEGA, vémonos na obriga de desmentir taxantemente todas aquelas afirmacións directas e indirectas, insinuacións ou aseveracións firmes que aparecen nos medios escritos de Lugo e que relacionan a actividade reivindicativa e de denuncia desta organización ecoloxista co apercibimento de axudas ou subvencións por parte das adminstracións públicas, incluída a Confederación Hidrográfica.

-Desde ADEGA desmentimos a existencia de calquera tipo de conivencia entre a CHMS e ADEGA con respecto ás denuncias presentadas por ADEGA ante este organismo, incluídas as referidas ao dique ilegal do río Miño ou ao río Rato. Proba disto é que no mes de setembro de 2015 a Consellaría de Cultura multaba á CHMS por unha tala de árbores de ribeira no río Celeiro, a instancias dunha denuncia de ADEGA e da Plataforma sarriana polo Río. Así mesmo, en xaneiro de 2015, ADEGA gañaba parcialmente un recurso contencioso-administrativo interposto pola organización ecoloxista contra este Organismo de Bacía por non actuar fronte os recheos ilegais que estaba a sufrir o río Rato.

-Desde ADEGA desmentimos que a subvención outorgada pola CHMS a ADEGA á que fan alusión certos medios de comunicación fose destinada para actuar en contra dos intereses da empresa INCA, do río Miño ou dos cidadáns de Lugo; pois o seu destino é a financiación dun programa de educación e voluntariado ambiental na bacía fluvial Miño-Sil, estando prevista a súa dotacións nos orzamentos do organismo de bacía, antes de que ADEGA denunciase o caso de ilegalidade do dique do Miño.

Por outra parte, consideramos necesario recalcar que:

-ADEGA é unha organización ecoloxista sen ánimo de lucro, altruísta e independente, que conta con máis de 40 anos de historia que avalan a súa experiencia e traxectoria incansable na defensa ambiental de Galiza, cuxo único interese é a defensa do patrimonio ambiental e cultural común de todas as galegas e galegos, para o que está lexitimada a facer uso de todos os  instrumentos legais e xurídicos que a democracia dispón para tal finalidade.

-Parécenos especialmente lamentable que se acuse a ADEGA de “poñer en perigo o río Miño” cando o que está a facer é xustamente o contrario: Defendelo daquelas actuacións que poñen en perigo a súa integridade, a protección dos seus hábitats e especies, ou a súa cualidade como patrimonio ou ben público.

-ADEGA non é unha administración pública nin ten as responsabilidades e obrigas que se lle atribúen a estas, por tanto non ten a postestade de incoar expedientes sancionadores nin resolvelos, nin tampouco de dar curso ás denuncias presentadas. Por tanto, tampouco ten a obriga de responder ante aqueles particulares ou empresas que vexan prexudicados os seus intereses privados por resolucións administrativas.

-ADEGA realiza unha función social honorable que non atenta contra o interese común, senón todo o contrario. Polo que semella paradóxico que o xulgamento mediático se dirixa cara a esta organización ecoloxista e non cara a aqueles que están a actuar fóra da lei e contra os intereses comúns e/ou públicos.

-Lamentamos que ADEGA teña que recorrer a este tipo de comunicados (ultimamente de forma reiterada) para defender a súa honorabilidade e o seu traballo incesante na defensa ambiental, pero lamentamos aínda máis que este tipo de campañas de desprestixio dirixidas cara a nosa entidade acaben mermando o protagonismo ou agochando nun segundo plano o realmente importante para o coñecemento do conxunto da cidadanía, que é todo aquilo que pertence ao terreo do interese xeral, como pode ser a necesaria defensa do noso patrimonio natural e cultural.

Por último, debemos indicar que se continúan a producirse este tipo de difamacións públicas contra ADEGA, a través de certos medios de comunicación, esta organización non descarta adoptar accións legais contra os responsables.


Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal