ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Comboio fumigador de ADIF: envelenando até o...

09-06-2016

Comboio fumigador de ADIF: envelenando até o último metro

Malia a que esta substancia está a ser obxecto de forte debate na UE polos riscos cada vez máis evidentes para a saúde e o medio ambiente, o seu uso segue a ser masivo en moitos países. Incumprindo o máis elemental principio de precaución e submisas aos intereses do poderoso lobby agroquímico, moitas administracións, das que o estado español é unha das máis entusiastas, seguen a usar profusamente este veleno.

Na Galiza e xusto nesta época, ducias de vías de comunicación están a ser fumigadas con este tóxico para eliminar a vexetación das beiras e noiros. Tanto ten que, como vén de acontecer en Ponteareas, o concello téñase declarado "libre de glifosato", a Xunta segue a esparexer este veleno nas estradas da súa competencia.

O comboio fumigador de ADIF

Mais non só as estradas, tamén os camiños de ferro están a ser intensamente fumigados con herbicidas. ADIF, o xestor de infraestruturas ferroviarias estatal, dispón de vaios comboios fumigadores provistos de depósitos, sulfatadoras e mesmo vivendas para o persoal! Un destes comboios vén de ser filmado en Teixeiro (Curtis) esparexendo glifosato en zona urbana e mesmo "fumigando" a un peón que transitaba por baixo dunha vía elevada. Este comboio pode acadar 70 km/h e fumigar ambas as dúas beiras a unha distancia de até 30m.

Campaña internacional pola prohibición definitiva do glifosato

Diante da pasividade, cando non complicidade das administracións co uso do glifosato, e a súa submisión total ao lobby agroquímico, numerosas organizacións sociais estamos a desenvolver diversas accións para sensibilizar sobre os perigos do glifosato e presionar sos governos para a súa prohibición definitiva.

Na Galiza, a plataforma "FumigaciónsNon" da que fai parte ADEGA, ten desenvolvido diversas iniciativas para pararlle os pés ao glifosato e outros perigosos agroquímicos. A nível estatal, a campaña de recollida de sinaturas e envío de cartas aos responsábeis, no estado e na UE, de revisar a autorización deste herbicida conqueríu visibilizar un debate que Monsanto teimaba en manter oculto. Alén disto, as pretensións dos apóstolos do glifosato, encabezados polo estado español, de anovar por 15 anos e sen restricións a autorización deste veleno, víronse rebaixadas a 12 ou 18 meses e con importantes limitacións de uso.

Dende ADEGA esiximos que en aplicación do Principio de Precaución e da propia lexialación (Regulamento CE Nº 1107/2009), que determina que a protección do ambiente e a saúde debe primar sobre o interese comercial, o glifosato sexa definitivamente prohibido en todo o territorio da UE. Mais mentres ese momento non chega, as administracións deberían abandonar xa o uso deste veleno, e non manter á cidadanía como "animais de laboratorio" expostos a estas substancias.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal