ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Imputado o ex-director xeral de Conservación da...

30-05-2016

Imputado o ex-director xeral de Conservación da Natureza García-Borregón por delictos contra o medio ambiente

4 altos cargos de Medio Ambiente na etapa de Agustín Hernández, acusados pola Fiscalía

Ricardo García-Borregón Millán, ex-Director Xeral da Natureza con Agustín Hernández, declarará como "investigado" o vindeiro luns 6 de xuño a petición da Fiscalía ambiental do TSXG, xunto con outros tres ex-altos cargos de Medio Ambiente, polo dragado da ría de Ferrol denunciado en 2011 por ADEGA. A obra tiña como obxectivo aumentar o calado da entrada da ría para permitir o paso a grandes buques como os gaseiros de Reganosa.

No Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela están a desenvolverse as dilixencias previas relativas a un presunto delicto contra os recursos naturais e o medio ambiente, relacionado co dragado irregular dos fondos da Ría de Ferrol dentro da ZEC Costa Artabra (Rede Natura 2000), executado entre outubro e novembro do 2011, e no seu día denunciado por ADEGA perante a Fiscalía Ambiental.

Como “investigados” (antes imputados) por estes feitos atópanse as persoas que naquela época ocupaban os postos de máxima responsabilidade na xestión dos espazos naturais de Galiza: Ricardo García-Borregón Millán (Director Xeral de Conservación da Natureza), Rogelio Fernández Díaz (Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade), Javier Turrillo Montiel (Xefe do Servizo de Análise e Proxectos) e Carlos Múñoz (Xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña).

Todos eles están acusados pola Fiscalía de delictos contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental. Entre todos presuntamente "cociñaron", logo de iniciadas as obras do dragado da ría de Ferrol, unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente. Logo de rematadas as obras, e tras as xestións do Valedor e a Fiscalía a denuncia de ADEGA, apareceu o informe que, curiosamente, recomendaba a non execución do proxecto polos seus impactos ambientais.

O xusto colofón a unha desastrosa xestión dos espazos naturais galegos

Confiando no labor da xustiza e da Fiscalía, este caso representa a paradoxal culminación da desastrosa xestión da biodiversidade e dos espazos naturais acontecida nos últimos anos.
A escandalosa inacción, cando non a defensa de intereses alleos á conservación, exemplifícase na desastrosa xestión dos Parques Naturais; humidais protexidos, especies de flora e fauna ameazada... Na paralización inxustificada da ampliación da Rede Natura 2000, a máis cativa do estado; na negativa á declaración de parques naturais nos Ancares, Courel, Monte Pindo... Mais tamén na tolerancia ou promoción de actuacións incompatíbeis coa protección do noso patrimonio natural: piscifactorías, minas, eólicos, celulosas, eucaliptización de espazos naturais, licenzas ilegais de caza, cacerías de lobos, etc.

Resulta irónico pois, que sexa a tramitación irregular dunha obra para beneficiar a Reganosa (como acaba de acontecer co governo en funcións de Rajoy) a que trala denuncia de ADEGA subministre as probas que leven aos responsábeis ou cómplices de tantas outras desfeitas ambientais perante a Xustiza.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal