ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / O concello de Cerdedo súmase ao plan de...

25-04-2016

O concello de Cerdedo súmase ao plan de compostaxe caseira e mellora da separación de residuos

O concello de Cerdedo sumáse ao plan de compostaxe caseira e mellora da separación de residuos

Este sábado iniciouse o proxecto de compostaxe do concello de Cerdedo, incluído no plan PIMA axudas do Ministerio de Medio ambiente para a mellora da xestión de residuos, que contribúan a fomentar a separación en orixe da fracción orgánica e o seu tratamento posterior.

Baixo o lema “Dalle ao REC” (reduce, reutiliza, recicla e composta) o obxectivo é que a veciñanza deixen de depositar os seus residuos orgánicos (restos de comida e de xardín) no contedor xenérico e o fagan no seu composteiro, obtendo un abono para as súas hortas de moi boa calidade e sen aditivos químicos.

Os residuos orgánicos supoñen o 42% da bolsa de lixo dunha familia, polo que o concello,  a través da compostaxe, consigue evitar que case a metade dos residuos que máis pesan se envíen a SOGAMA a incineración e vertedoiro.

O concello, a través da oficina municipal de medio ambiente, escolleu para participar no proxecto uns núcleos piloto que estiveran na mesma rota de recollida para comprobar o final do proxecto a diminución de residuo orgánico no contedor.

Son en total 150 familias participantes repartidas en dous anos. Cada ano participarán 75 vivendas, e a metodoloxía será a habitual en ADEGA, curso de formación e tres visitas casa a casa durante os sete primeiros meses. Este sábado realizouse a primeira convocatoria do curso e entrega de materiais aos primeiros 75 veciños e veciñas. Explicóuselles en que consistía o proceso de compostaxe, que materiais depositar no composteiro e resolvéronse as primeiras dúbidas.

Ao final do curso entregóuselles o composteiro, un caldeiros para a cociña para depositar os restos de comida, un aireador para remexer a pila de compostaxe, un pequeno manual e un imán con debuxos do que poden depositar como guía rápida.

Servizo de biotrituración

Tamén deuse información do novo servizo de biotrituración a domicilio. Os restos de poda e xardín, que son necesarios para mesturar cos restos de comida, poderán ser triturados coa biotrituradora que o Concello pon ao servizo dos veciños e veciñas na época de poda. Aos interesados proporcionouse unha saca para ir acumulando os seus restos vexetais ata o día da biotrituración.

Finalmente como compensación á veciñanza que se esforzan en separar os seus residuos en casa, o concello ten previsto na súa ordenanza unha rebaixa de 10€ no recibo do lixo sempre e cando tras as visitas de seguimento a técnica municipal de medio ambiente de o visto bo.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal