ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 22 de abril, Día da Nai Terra: educación e...

22-04-2016

22 de abril, Día da Nai Terra: educación e compromiso activo para conservar a nosa natureza

Neste día adicado pola ONU á Nai Terra, os/as ecoloxistas adoitamos lembrar algunha das moitas débedas ecolóxicas que a sociedade ten co planeta. Mais para transcender a mera celebración puntual, ADEGA aposta tamén pola formación continua e a acción directa.

Este 22 de abril de 2016, Día da Nai Terra, vaise escenificar a sinatura dos acordos da COP21 de París, a cimeira climática que como o parto dos montes, resultou nun acordo ridículo.

Deixando á marxe os actos simbólicos, se agardamos a que as administracións, conectadas coas grandes corporacións con portas xiratorias, solucionen os problemas ambientais do planeta que elas mesmas contribuiron a criar, quer o cambio climático, ademais de inxenuos/as seremos irresponsábeis.

Dende ADEGA non esquecemos as reivindicacións propias deste día, desta volta adicado á importancia das árbores para loitar contra a mudanza climática, manter a biodiversidade e sustentar a moitas sociedades.
Mais non abonda con plantar máis árbores se por unha banda, non se reducen drásticamente as emisións e continúase a deforestar, e por outra, insístese en plantar sen criterio calquera especie co único obxecto de obter madeira barata a costa da riqueza dos ecosistemas e da fertilidade da terra.

Neste senso, a ONU advirte sobre a necesidade plantar as especies axeitadas nos lugares axeitados e con sistemas de aproveitamento agro-forestal solidarios e sustentábeis. Todo o contrario do que pretenden ENCE e os seus factotums políticos que teiman en perpetuar o seu modelo de negocio baseado no monocultivo do eucalipto.  Parafraseando á ONU co lema do Día da Terra deste ano "Árbores para a Terra", estas deben contribuir a millorar o ambiente e non a engordar os beneficios de empresas como ENCE que queren convertir o noso territorio un deserto verde a base de eucaliptos.

Finalmente, e como acreditamos que unha transformación ecolóxica da sociedade comeza polas propias accións, nesta fin de semana ADEGA vai desenvolver diversas actividades de formación e voluntariado.

O sábado 23, terán lugar na estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con as XXIII xornadas de formación do Proxecto Ríos, nas que o voluntariado poderá coñecer as especies de peixes exóticos dos nosos ríos e a metodoloxía para o mapeado participativo de especies exóticas e invasoras en Galiza.

E o domingo 24, no marco da inciiativa estatal "tecendo redes de custodia" traballaremos no mantemento das charcas e pozos de rega de Castieixas, para millorar a situación dos anfibios, nunha finca custodiada por ADEGA en pleno Macizo Central ourensán.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal