ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A prórroga de ENCE, tema de fondo de Sermos-ADEGA...

06-04-2016

A prórroga de ENCE, tema de fondo de Sermos-ADEGA nº 5

Vén de publicarse o número 5 de Sermos-ADEGA, que desta volta está dedicado á prórroga de ENCE por 60 anos máis na Ría de Pontevedra. Inclúe artigos de Antón Masa (APDR), Fins Eirexas e Adela Figueroa (ADEGA).

Desde o ano 1957, a ría de Pontevedra soporta a contaminación e degradación causada por ENCE, a fábrica de celulosa kraft instalada na ría baixo o réxime franquista e cunha caducidade fixada para 2018. O pasado mes de xaneiro, un goberno en función do PP resolveu darlle unha prórroga por outros 60 anos, até o 2073. O ecoloxismo cualificou esta decisión de Mariano Rajoy como unha fraude democrática, unha hipoteca permanente para á ría e unha burla á cidadanía. A multitudinaria manifestación do 29 de xaneiro contra esta decisión puxo de manifesto a indignación cidadá e a vontade de seguirmos na loita.   

Para Antón Masa, a decisión viuse como un xesto de vinganza de Mariano Rajoy contra unha Pontevedra que odia profundamente, xunto co feito das portas xiratorias: "a presenza de importantes persoeiros do PP en cadeiras moi ben remuneradas de ENCE". Fins Eirexas chama a non desanimarse e salienta a a capacidade de intervención das diferentes administracións con competencias na materia, e apunta: "un novo goberno na Xunta pode retirar a declaración de supramunicipalidade, o que daría capacidade de manobra ao concello de Pontevedra". Adela Figueroa retrotráenos a cando o goberno de Franco decidiu instalar ENCE en Pontevedra: "eram épocas de industrialização “manu militari”, o INI impôs a sua lei, e em Pontevedra fora seu aliado Filgueira Valverde".

Alén do tema de fondo, Sermos-ADEGA nº5 tamén ofrece páxinas de actualidade ambiental.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal