ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Resultados do Informe anual sobre o estado de...

02-02-2016

Resultados do Informe anual sobre o estado de saúde dos ríos galegos

O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partir das análises realizadas durante as campañas de primavera e outono polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións realizadas, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante o ano 2015.

En 2015 o voluntariado do Proxecto Ríos determinou que o 43% dos ríos estudados en primavera tiñan moi bo estado de saúde; en outono foron o 34% dos casos. Con estado bo, as porcentaxes se distribúen da seguinte forma: 40% tanto en primavera como en outono. Para os estados moderado e deficiente temos as seguintes porcentaxes: 15% e 13% en primavera respectivamente e 13% e 13% para o outono. Estes datos difiren dos acadados durante o 2014.

Tanto na primavera como no outono de 2015 ningún dos treitos estudados polo voluntariado amosou valores malos de calidade. Os treitos do río Mero que en 2014 amosaron mala calidade en outono, este ano tiveron saúde deficiente. O río Lagar (A Coruña), que en outono de 2014 tivo calidade mala, en 2015 mellorou ata o nivel de saúde moderado.

Participantes e distribución

Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 322 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 46%, dato más baixo ao de anos anteriores: 2013 (52%) e 2014 (53%). Este descenso foi debido a que na campaña de outono se recibiron menos inspeccións do que é habitual. Porén, na campaña de primavera superouse o número de inspeccións recibidas en relación a anos anteriores, cun total de 97, cando en 2014 foron 88 e en 2013 73.

En canto á participación por provincias, a provincia de A Coruña é na que máis grupos hai, seguida moi de preto pola de Pontevedra. As porcentaxes entre unha e outra provincia son moi parecidas, 40 e 36% respectivamente. Pontevedra segue a ser a provincia da que máis inspeccións se reciben, sobre todo na campaña de primavera. Lugo mantivo as súa porcentaxe de participación en valores dos pasados anos 2010, 2011, 2012, 2013 e 2014 co 13%. Ourense acadou un 11% no total de número de grupos, o mellor dato de participación dende o inicio do Proxecto.

A bacía das Rías Baixas é a que aglutina a maior parte dos grupos participantes e na que máis inspeccións se realizan. Respecto a outros anos (2010-2013) apréciase un aumento na participación na conca do Arco Ártabro e un lixeiro ascenso na do Miño – Sil. A conca dos ríos que verten ao Cantábrico mantense en valores parecidos aos anos 2012 (4%) e 2013 (7%), cun 5% en 2014.

Calidade dos ríos

En función dos datos recollidos polo voluntariado sobre a calidade dos ríos, podemos concluír que en 2015 se observa unha diminución na porcentaxe de ríos en moi bo estado tanto na primavera como no outono. Analizando o estado bo dende o 2012, obsérvase un aumento paulatino, que está directamente relacionado coa diminución do estado moi bo. Ponse polo tanto de manifesto o trasvase de ríos do estado moi bo ao estado bo, e polo tanto constatase unha certa degradación da calidade dos ríos que se atopaban en un moi bo estado de saúde.En canto aos treitos que teñen calidade moderada obsérvanse porcentaxes similares aos anos 2012 e 2013, cuns valores que están entre o 10% e o 15%, cando en 2014 se apreciaron porcentaxes entre o 15% e o 20%. Os treitos con calidade deficiente volven a valores próximos aos anos 2011 e 2012 cunha media entre campañas do 7,5% –en 2013 foi do 5,5% e en 2014 do 9%–. Estes valores se corresponden cos ríos Ouro (Alfoz) e Sil (O Barco) en primavera; en outono os ríos con saúde deficiente foron o Sar (Santiago), tres treitos do Mero (Cambre), e os ríos Limia (Xinzo), Gafos (Pontevedra) e Belelle (Neda).

Calidade do bosque de ribeira

En canto á calidade do bosque de ribeira, nos últimos anos estableceuse unha tendencia cara a degradación das marxes dos nosos ríos que en 2015 continua. Os datos recabados polo voluntariado en 2015 son moi parecidos a 2014 e 2013. Apenas o 35%-40% das masas de árbores do bosque de ribeira se atoparon en bo estado de conservación. Apréciase tamén un aumento das marxes moi degradadas cun 20% en primavera e case o 25% en outono. En 2014 as porcentaxes eran de aproximadamente o 18%; en 2012 e 2013, respectivamente, foron do 11% e 10%. Ademais, as marxes moi degradadas medran a expensas das que posúen alteracións importantes, que diminúen con respecto a 2014 e 2013. Isto indícanos que as marxes con alteracións importantes evolucionan cara a degradación en vez de cara a recuperación. Os treitos estudados coas dúas marxes moi degradadas correspóndense cos ríos Corgo, Lagar, Sarela, Gallo, Valdexería , Mero, Gafos, Louro, Pontiñas, Tella, Tea e Limia.

Calidade do hábitat

En canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que os valores en 2015 foron moi parecidos ao ano 2014. Así, máis da metade dos treitos estudados, tanto en primavera como en outono, amosaron que tiñan un hábitat ben constituído (61% en primavera e 71% en outono). En 2013 foron do 56% e do 50% respectivamente, polo é apreciable unha melloría na morfoloxía fluvial. Aínda así, aproximadamente o 35% dos treitos de río estudados amosaron alteracións e degradación no seu hábitat, valor cinco puntos inferior ao dato de 2014, que crea unha situación incerta en canto a súa evolución.

Calidade físico-química

En canto á calidade físico química da auga, apréciase un aumento da temperatura media da auga. En anos anteriores esta media for de 13 °C; en 2015 foi de 15 °C. Por primeiro ano se mediron temperaturas superiores aos 19 °C, aparecendo valores de 20, 21 e 22 °C en diferentes ríos. En vindeiros anos este aumento de temperatura será obxecto de seguimento xa que de confirmarse pode ser un indicador máis do cambio climático.

Os treitos de río, ao seu paso por vilas e cidades, como os ríos Sar, Limia, Mero, Sil, Gafos e Belelle son os que amosan estados de saúde máis delicados pola forte presión humana á que están sometidos, ou ben aqueles que están próximos á súa desembocadura como o Ouro (Alfoz) ou o Mero (Cambre), onde a corrente de auga perde velocidade e poden acumular máis contaminantes.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal