ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 40 Asemblea de ADEGA e premios Osíxeno 2015

01-02-2016

40 Asemblea de ADEGA e premios Osíxeno 2015

ADEGA vén de celebrar a súa 40 Asemblea Xeral. Van aló xa 40 anos de ecoloxismo e defensa do patrimonio natural e cultural de Galiza, posíbel grazas ao compromiso xeneroso e solidario dos milleiros de socios e socias. Parabéns a tod@s!

Propostas de resolución da 40 Asemblea Xeral de ADEGA

Ence e ría de Pontevedra: A Asemblea de ADEGA rexeita a concesión da prórroga a Ence en Lourizán perpetrada polo governo español en funcións, amosa a solidariedade coa cidadanía de Pontevedra e comarca fronte a este atropelo e demanda do novo governo do estado a revogación inmediata da prórroga, a derrogación da modificación da Lei de Costas e a declaración da caducidade da concesión de ocupación de terreos públicos do emprazamento de ENCE en Lourizán.

Lei de acuicultura:
A Asemblea de ADEGA exixe a inmediata retirada do borrador de lei de Acuicultura recentemente presentado polo governo de Núñez Feijóo. O noso litoral e as nosas rías deben ante todo seren protexidas para manter o seu equilibrio ecolóxico, garantía para un aproveitamento sustentábel dos seus recursos. Equiparar a acuicultura industrial co marisqueo e a pesca tradicional non é ordenar o sector como di Feijóo: significa entregar o noso litoral ás multinacionais dos peixes de plástico, os antibióticos e as hormonas.

Sentenza do Prestige:
A Asemblea de ADEGA lamenta que a recente sentenza do Supremo sobre a catástrofe do Prestige non contemple a revisión do proxeso para xulgar aos principais responsábeis administrativos da catástrofe. Xa que logo, coa confirmación da absolución de López-Sors, certifícase a impunidade dos cargos políticos responsábeis das decisións que converteron un accidente marítimo na maior catástrofe ecolóxica da historia de Galiza, e reafírmase a indefensión da cidadanía e o ambiente galego fronte a casos similares. Neste senso, a Asemblea de ADEGA manifesta o seu apoio á Plataforna Nunca Máis nun eventual recurso xudicial fronte ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

Política e ambiente:
As propostas de xestión do territorio, dos modelos de transporte, xeración de recursos e tratamento de residuos, conservación da diversidade natural e dos servizos ecosistémicos que presta a Natureza (auga, alimento, aire limpo, protección contra o clima extremo, etc.) están case sempre ausentes da primeira liña política e eleitoral. A Asemblea de ADEGA reclama que a presenza das cuestión ambientais, incluida a educación ambental, no debate e nas negociacións políticas estea á altura da transcendencia que ten como xestionamos os ríos, os bosques, os recursos pesqueiros, mineiros, os residuos… Porque ben sabemos que consecuencias teñen determinadas propostas e modelos de intervención para o noso medio e as nosas xentes. Se nos preocupa a escaseza de propostas ambientais nas campañas eleitorais, máis grave é o posterior incumprimento daquelas máis interesantes, polo que ADEGA prestará especial atención ao seu seguemento.

Economía circular e emprego verde: Nestes tempos de crise ecolóxica e económica precisamos mudar o paradigma da economía convencional cara un novo modelo de producción e consumo baseado en fundamentos ecolóxicos e de xustiza social. Debemos enfrontar unha transición dende a economía de ciclos abertos, baseada en “extraer-fabricar-vender-usar-tirar” á economía de circuitos pechados que imite os ciclos naturais para ser más eficiente, racional e equilibrada. Nesta economía circular a reutilización, a reparación e o reciclado son a norma e os residuos a excepción. Para ser ademáis unha economía verde debería ter unha baixa intensidade en carbono, materia e enerxía, e usar os recursos de forma eficiente e ser socialmente inclusiva. Calquera outro modelo económico pretendidamente “ecolóxico” que non inclúa estes principios, só é a economía “marrón” de sempre pintada de verde.  

Compostela, 30 de xaneiro de 2016

Entrega dos premios Osíxeno 2015

No decurso do xantar de confraternización da 40 Asemblea fixemos entraga dos premios Osíxeno 2015. Foron premiados/as na categoría individual o apicultor e secretario técnico de AGA (Asociación Galega de Apicultura) Xesús Asorey; a Granxa Arqueixal na categoría colectivo e na de honra ao socio/a máis novo (Xoel) e ao máis veterano (Paco Graña) presentes no acto, en representación de todos os socios/as que ao longo destes 40 anos mantiveron vivo o ecoloxismo galego.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal