Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA non paralizou as obras da empresa Inca no...
16-12-2015
Segundo unha información aparecida hoxe 16 de decembro no diario La Voz de Galicia, a empesa Inca, concesionaria da explotación da fábrica da luz de Lugo e promotora das obras do proxecto de rehabilitación desta fábrica e do aumento do caudal de aproveitamento, denunciou a varios activistas de ADEGA por interromper no día de onte ditas obras a carón do río Miño e por increpar aos traballadores da empresa.
Desde ADEGA negamos taxantemente estas acusacións que carecen totalmente de fundamento polos seguintes motivos:
-As persoas concentradas no día de onte a carón das obras da ataguía ou dique foron veciños e veciñas de Lugo que acudiron de xeito voluntario alertadas polo reinicio das obras deste dique ilegal e que apoian as demandas do movemento veciñal e asociativo “Lugo de cara ao Miño” que reivindica a retirada do dique ilegal do leito do río Miño.
-A concentración reivindicativa realizouse de xeito pacífico, sen altercados e sen afectar á continuidade das obras que alí se estaban a realizar pola empresa Inca, xa que as máquinas estiveron traballando en todo momento durante a presenza dos manifestantes.
-En ningún momento a empresa Inca, a través dos seus operarios, manifestou ás persoas alí presentes que a súa presencia estivese a interromper o desenvolvemento das obras.
-Ningunha persoa activista de ADEGA que acudiu a esta concentración espontánea mostrou unha actitude belixerante contra os traballadores da obra, senón todo o contrario, mesmo ADEGA solicitou a presencia do Seprona e da Policía Autonómica para que comprobasen se ditas obras contaban con autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Desde ADEGA consideramos que este tipo de acusacións públicas contra membros da nosa organización ecoloxista só responden a un intento de coacción e desacreditación por parte da empresa Inca dos movementos e colectivos sociais que intentamos defender ao río Miño de agresións ilegais e inxustificables nun espazo de elevado valor natural.
En todo caso, ADEGA non se responsabiliza, se as tivese habido, de hipotéticas e presumibles manifestacións verbais fóra de lugar que as persoas alí concentradas por vontade propia e de xeito individual se tivesen expresado.
Convidamos á empresa Inca a que, no canto de dedicar esforzos a emitir inxurias e intentar atentar contra a honorabilidade dos membros de ADEGA ou contra á doutros veciños e veciñas de Lugo comprometidos e sensibilizados co interese público e xeral da cidade, poña máis énfase en cumprir a legalidade no desenvolvemento do seu traballo, xa que a día de hoxe a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten abertos dous expedientes sancionadores contra esta empresa por incumprir varios dos requerimentos especificados na Declaración de Impacto Ambiental do proxecto. A empresa Inca iniciou as obras do dique ou ataguía do proxecto 150 metros augas arriba do lugar establecido na DIA e fóra do período de estiaxe ou mínimo caudal do río Miño.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal