Inicio / Novas / Delegacións / Castros e petróglifos, protagonistas dos roteiros...
06-10-2015
O ciclo de roteiros anual de ADEGA-Lugo estará destinado durante este curso 2015-2016 a indagar a fondo na nosa memoria histórico-cultural e a visitar algúns dos elementos do patrimonio material máis antigo de Galiza que aínda permanece impregnando o noso territorio e converténdose en pegada viva e orixinal da nosa cultura.
Este programa de roteiros, que levará por nome “Memoria pétrea”, propón a realización de oito andainas, unha por mes entre outubro deste ano e xuño de 2016, por lugares ou zonas da xeografía galega onde se conservan pegadas pétreas da prehistoria, da época castrexa, romana ou medieval ata os nosos días; aínda que as visitas a castros serán un común denominador neste ciclo de andainas, que percorrerá zonas chairas, de alta montaña e de costa.
Alén de procurar o achegamento das sociedade galega co seu patrimonio megalítico e castrexo, ADEGA-Lugo, como organización ecoloxista, mantén o obxectivo fundamental destas camiñadas: favorecer o contacto directo das persoas coa Natureza e divulgar ou dar a coñecer os extraordinarios valores naturais que nos ofrece o territorio galego e que son dignos de protección ou conservación.
Os roteiros de ADEGA-Lugo contribúen cada ano a que unhas 500 persoas coñezan de primeira man a grande diversidade paisaxística e biolóxica que temos, moitas veces ligada á existencia e conservación de bens patrimoniais.
Ademais, en cada un destes roteiros contamos coa participación altruísta de guías locais ou orixinarios deses lugares que nos ofrecen unha ollada única e máis íntima e persoal do que imos visitar.
A continuación indicamos cales serán os destinos propostos por o ciclo de roteiros “Memoria pétrea” e as datas da súa realización:
Os roteiros están dirixidos a toda a poboación galega e sen exclusión de idade. Son dunha lonxitude non superior ao 15 quilómetros e de xornada completa.
O custe de cada actividade será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou en paro, e 5 euros para menores de 17 anos.
As persoas participantes deberán levar para o camiño comida, calzado e roupa axeitados e reservar praza, como mínimo con 3 días de antelación, chamando ao 982 240 299 ou 679 113 718, ou enviando un mail cos vosos datos (nome e apelidos e teléfono) a adegalugo@adega.gal.
As saídas do autobús terán lugar ás 9 horas da mañá en todos os casos, agás no roteiro de xuño, cuxa hora de partida será ás 8 horas, fronte a Facultade de Formación do Profesorado (antigo Maxisterio) de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal