ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 600 persoas retiran 13 toneladas de lixo...

28-09-2015

Máis de 600 persoas retiran 13 toneladas de lixo dos ríos galegos

Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, colchóns, altofalantes, baterías de coche, pilas e os electrodomésticos tampouco faltaron. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado...
Calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 13 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.
A VIII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrou este ano en 45 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 54 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 5 concellos que organizan directamente esta actividade.

Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Para esta actividade contamos coa colaboración de a Fundación Biodiversidad, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, asi como os concellos de A Coruña, A Estrada, Ames, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Muxía, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.
Ao longo desta semana publicaremos na web do Proxecto Ríos: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade, así como as fotos da xornada da limpeza que aínda estamos a recibir dos grupos participantes.
Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal