ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A vespa galega (V. crabro), dano colateral da...

30-09-2015

A vespa galega (V. crabro), dano colateral da loita contra a vespa asiática (V. velutina)

ADEGA alerta dos danos que están a sofrer os niños da nosa vespa autóctona (Vespa crabro) ao seren confundidos cos da vespa asiática (Vespa velutina). A presenza da vespa galega é un mecanismo de control natural da invasora asiática, coa que compite.

A loita contra a rápida extensión da vespa asiática en Galiza, que xa está presente en moitos concellos costeiros de Lugo, A Coruña e Pontevedra e avanza cara o interior, estase a cobrar unha vítima colateral. Trátase da vespa galega, moitos de cuxos niños están a ser destruidos confundidos cos da velutina, malia a existiren claras diferenzas.

Dende as asociacións apícolas, concellos e administración tense editado diverso material informativo (folleto Xunta; folleto AAG) para distinguir e actuar en caso de atopármonos fronte a un niño de vespas. Malia aos retrasos e eivas denunciadas na xestión do problema (retrasos na retirada de niños, escaso persoal técnico e medidas de contención), é importante respectar os protocolos de actuación coa velutina para non perxudicar á nosa biodiversidade autóctona.

A vespa galega, coa que levamos convivindo milleiros de anos, compite polo territorio coa velutina, de xeito que se perxudicamos á primeira facilitamos a extensión da invasora ao eliminarmos o seu inimigo natural.
ADEGA reclama das administracións máis medios materiais e persoal para loitar contrra a invasión da vespa asiática, como esixíu o sector apícola. Mais tamén cómpre ter coidado na aplicación das medidas de control e erradicación e identificar correctamente á invasora. Non queremos que a nosa vespa autóctona, e por extensión as abellas e outros insectos polinizadores, sufran aínda máis danos que os que xa está a producir a velutina, as pragas apícolas, os pesticidas...

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal