ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Eliminación de EEI no río Limia

22-09-2015

Eliminación de EEI no río Limia

A actuación conta co apoio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas.

Os traballos de eliminación no río Limia foron unha continuación dos iniciados pola Delegación de Ourense da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en 2014 sobre a Ludwigia grandiflora, especie acuática moi perigosa que está a invadir a canle do Limia.

O obxectivo da xornada foi localizar as manchas de L. grandiflora e medir a súa superficie. Posteriormente procedeuse á súa retirada manual e almacenamento en sacos. Con esta actuación preténdese ver como vai evolucionando a poboación desta especie invasora en relación a actuación anterior para así no futuro estudar a continuidade desta metodoloxía ou probar novas medidas.

A xornada comezou o sábado pola mañá no bar A Arca da Noe en Vilar de Santos cunha charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas acuáticos. A xornada asistiron 10 persoas, de diferentes lugares de Galiza e tamén de Portugal. Comentáronse os antecedentes de traballos desenvolvidos en lugares similares e en anos anteriores. ADEGA leva traballando na eliminación de especies invasoras con diferentes xornadas de voluntariado desde o 2008. Esta foi a primeira actuación no ZEC Río Limia, por parte do voluntariado de ADEGA. Porén, é a segunda actuación desenvolvida neste lugar xa que dende a Delegación de Conservación da Natureza de Ourense da Xunta de Galiza xa se actuou no 2014.

A continuación, o grupo desprazouse ata A Ponte Liñares, xa no concello de Bande, onde comezaron os traballos de eliminación da especie obxectivo, L. grandiflora que está a espallarse augas abaixo polo río. Distribuídos en dous grupos, nos que uns ían polo medio do río e outros pola marxe, fóronse localizando as manchas de L. grandiflora. A retirada fíxose de forma totalmente manual, eliminando tamén as raíces somerxidas e procurando que non quedara ningún fragmento da planta no río.

Cara o mediodía houbo un descanso para comer e retomar folgos. Logo de descansar continuaron os traballos. Todo o material vexetal foise introducindo en bolsas e acumulouse nunha pista ao carón do río para que os operarios da Delegación Provincial de Conservación da Natureza de Ourense os recolleran. A actuación desenvolveuse ao longo dun quilómetro de río, eliminando 22 manchas de L. grandiflora que medraban na canle do Limia.

As 7 da tarde rematou a xornada de eliminación de especies exóticas invasoras.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal