ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Golpe á biodiversidade da praia das Catedrais

12-08-2015

Golpe á biodiversidade da praia das Catedrais

Malia ao  flamante Plano de Conservación recentemente aprobado en xuño deste ano, ADEGA vén de denunciar o recheo de dúas charcas, unha dentro do ZEC As Catedrais e outra 50m fóra, mais pertencente á unha área prioritaria para a conservación da avifauna ameazada.

Trátase de dúas canteiras abandonadas, rexeneradas naturalmente e agora encharcadas, das poucas zonas húmidas permanentes na rasa litoral da Mariña. As obras consistiron no aterro da zona inundada, arrasando coa rica biodiversidade que acubilaban e derramándoas como refuxio de aves invernantes e en paso.
Entre as especies protexidas presentes nesas charcas cóntanse varias de anfibios: A Hyla arborea -agora Hyla molleri- (vulnerábel segundo o Decreto 88/2007 polo que se establece o Catálogo Galego de Especies Ameazadas) e o Alytes obstetricans (Anexo IV Directiva 92/43 CEE, de interese comunitario que require protección estricta), teñen presenza confirmada, e o Triturus marmoratus (Anexo IV Directiva 92/43 CEE), o Lissotriton boscai e Lissotriton helveticus, no calágo español, son de presenza probábel.

Precisamente a costa de Ribadeo nesta zona da rasa litoral emerxida está considerada, aliás de ZEC, LIC, Monumento Natural (As Catedrais), ZEPA (Ribadeo), e Reserva da Biosfera (Oscos-Eo-Burón), unha área prioritaria para a avifauna ameazada por Resolución da DXCN de 28 de novembro de 2011. A riqueza ornitolóxica deste territorio atrae a moitos/as investigadores e visitantes, que agora perderán -perderemos- dous humidais senlleiros nos que mesmo aniñaban a pita de río, o mergullón pequeno, o rascón..., aliás de acubillar a especies en paso e invernantes.

ADEGA lamenta a escasa sensibilidade dunha administración que asiste nos seus fuciños e en plena tempada turística á destrución destas charcas e á perda da biodiversidade que acubillan, malia a gozaren de numerosas figuras de protección.
Trátase dun duro golpe á proposta de declarar este espazo Parque Natural, defendida por institucións, investigadores e ecoloxistas fronte á negativa da Xunta.
Mentres ONGs e veciñanza estamos a desenvolver proxectos de criazón e custodia de charcas por todo o país, semella que ninguén garante a conservación das poucas zonas inundadas mesmo dentro dos nosos espazos protexidos.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal