ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Eliminación de especies invasoras no LIC Monte e...

21-07-2015

Eliminación de especies invasoras no LIC Monte e Lagoa de Louro

O pasado 18 de xullo, ADEGA realizou unha actividade de eliminación de flora invasora na lagoa de Louro

A xornada comezou o sábado pola mañá no Centro Social de Louro, onde as 16 persoas participantes, de diferentes lugares de Galiza,  recibiron unha charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas dunares e nas lagoas. Tamén se comentaron os antecedentes de traballos desenvolvidos en lugares similares e en anos anteriores. ADEGA leva traballando na eliminación de especies invasoras con diferentes xornadas de voluntariado desde o 2011. Esta foi a primeira actuación No LIC Monte e Lagoa de Louro.
A continuación, o grupo desprazouse ata a praia de Area Maior onde se desenvolveron os traballos de eliminación da especie obxectivo: Opuntia sp. ou chumbeira, que está a colonizar a parte superior da duna. Nun único grupo, o voluntariado foi eliminando as chumbeiras nunha superficie de aproximadamente 2.140 m2.

Cara o mediodía houbo un descanso para comer e retomar folgos.  Logo de descansar  continuaron os traballos, centrados sobre todo no transporte do material vexetal eliminado cara a zona onde sería recollido para o seu tratamento. A chumbeira posúe unha elevada capacidade de rebrote, e calquera fragmento da planta que quede en contacto co chan pode xerar un novo individuo. Estimamos en máis de dúas toneladas a cantidade de chumbeiras eliminadas. Con todo, na parte de arriba da duna, preto da pista que leva ata a lagoa, a presenza de Opuntia sp. é moi elevada e non se puido rematar coa mancha, traballos que deberán ser acometidos en actuacións posteriores.
Os traballos continuaron ata as 6 da tarde, momento no que nos desprazamos cara a lagoa para disfrutar de tan marabilloso espazo e onde tivemos a oportunidade de observar  diversas especies de aves acuáticas. No camiño aproveitouse para ir recollendo algo do abundante lixo que hai na contorna da lagoa, así como eliminar outras especies de plantas invasoras como o garrapatón (Bidens frondosa) e a Conyza canadensis.
As 7 da tarde puxemos fin á primeira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras na praia e lagoa de Louro.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal