ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / CERNA dixital publica unha nova edición!

09-07-2015

CERNA dixital publica unha nova edición!

capa CERNA 73

A nova edición desta revista dixital editada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) recolle 17 artigos que abordan diferentes temáticas ambientais relacionadas coa contorna do país e que se poden descargar desde hoxe desde o web www.adega.gal/revistacerna. Neste número de CERNA, avaliamos o estado de saúde do noso medio natural, atendendo sobre todo á parte da súa biodiversidade. Quixemos saber cales son os prexuízos que está a ocasionar unha nova praga forestal, como é a emerxente avespa do castiñeiro; ou cal é a evolución doutras afeccións xa coñecidas para as que non se ten atopado aínda remedio, como é o caso do fungo dos ameneiros, que está a poñer a especie nun serio risco de supervivencia en todo o noso territorio. Responden a estas cuestións os equipos de investigación de aquí e de acolá que están a traballar no estudo destas doenzas.

Pero tamén avaliamos o estado de saúde da fauna galega, especialmente das especies de aves que se consideran ameazadas e das diversas familias de mamíferos terrestres e mariños que habitan o país. Ao mesmo tempo, non podemos ignorar a difícil situación pola que están a atravesar actualmente os anfibios e réptiles de Galiza, afectados polas denominadas “enfermidades infecciosas emerxentes” para as que tampouco, polo de agora, existe tratamento específico. As conclusións que nesta edición se expoñen proceden das reflexións de científicos, investigadores ou colectivos ambientalistas e naturalistas (GEAS, SGO, ADEGA, AHE) que analizaron conxuntamente, tanto a evolución destas especies, como os axentes humanos ou naturais que as ameazan.

Alén da saúde ambiental, Cerna 73 aborda algúns aspectos ligados á saúde das persoas. O médico Luis Díaz Cabanela analiza os perigos que para o noso organismo ofrece o contacto co amianto ou asbesto, un dos minerais tóxicos máis presente nas nosas vidas, e tamén dos máis letais. Por outra banda, como exemplo de educación na alimentación saudábel xa desde a infancia, recollemos o caso do comedor ecolóxico da escola municipal A Caracola, da Coruña.

Nas súas páxinas e atoparase ademais outra manchea de artigos que tocan temas igual de interesantes como a capacidade de acollida dos espazos naturais protexidos, a proposta programática dos grupos ecoloxistas galegos para os candidatos a gobernar, as previsíbeis consecuencias do polémico Tratado Transatlántico de Comercio UE-EEUU, ou o “paso a paso” para construír un forno solar doméstico.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal