ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / No Día Mundial contra a Desertificación, máis...

17-06-2015

No Día Mundial contra a Desertificación, máis monocultivos ameazan os nosos solos

O fracaso da revolución verde

Seguridade alimentar, cultivos sustentábeis, solos sanos, prácticas agrícolas ecolóxicas e solidarias... Estas medidas son chave para contribuir a frear o proceso de desertificación, de perda de fertilidade e biodiversidade dos solos e por extensión dos ecosistemas que conviven coas prácticas agrarias.

Que foi logo daquela "revolución verde" que propugnaba a ONU-FAO hai 40 anos para rematar coa fame no mundo a base de intensivización, agrotóxicos e transxénicos... Pois que supuxo un rotundo fracaso e contribuíu ao empobrecemento ambiental e social das comunidades sometidas ás prácticas agresivas das grandes corporacións agro-bio-tecnolóxicas que especularon cos alimentos.

A persistencia dos monocultivos insustentábeis: eucaliptos e batatas

Porén, nas nacións da periferia da metrópole perduran modelos de relación coa terra fortemente insustentábeis e asimétricos, baseados case sempre na masificación e o alongamento dos monocultivos. Grandes corporacións e empresas de capital especulativo e fundos "voitre" continúan a ofertar os seus produtos envelenados (nunca millor dito) coa aquiescencia, cando non colaboración, das administracións.

En Galiza, ENCE está a executar xa unha nova vaga eucaliptizadora dirixida a copar grandes extensións de territorio, mesmo solo agrario e espazos de media montaña até o de agora vedados ao eucalipto, para dar cobertura ao seu negocio da biomasa.
Serras interiores e terras de labor abandonadas uniranse ao litoral xa intensamente eucaliptizado, con plantacións en ciclos de corta de 5-6 anos e uso intensivo de agrotóxicos.

Tamén preocupa o recente desembarco do monocultivo da batata para a produción de biocombustíbeis. Proxectos promovidos por unha empresa de capital estranxeiro están sendo convintemente vendidos nos concellos da comarca através dunha intensa campaña mediática como a panacea contra o desemprego.

ADEGA alerta contra este tipo de fórmulas, teledirixidas por investidores foráneos e capital nidiamente especulativo, que pretenden reproducir modelos ben coñecidos: non son máis que unha reinvención das plantacións latifundistas do colonialismo, adubadas cunha falsa pátina ambiental.

Non deixa de resultar irónico que nunha das comarcas máis fértiles do país, coñecida por unha produción agrícola con denominacións de calidade, preténdase cultivar alimentos... para mover os coches!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal