ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Ferrolterra denuncia o uso de maquinaria...

26-05-2015

ADEGA-Ferrolterra denuncia o uso de maquinaria pesada na praia de Doniños

Lugar onde quedou instalado o chiringuito.

ADEGA vén de denunciar perante o Seprona o uso de maquinaria pesada para a colocación dun chiringuito de xeados na praia de Doniños. Esta praia, xunto coa lagoa, forman parte da RedeNatura2000 e están incluídas dentro da Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA) Costa de Ferrolterra-Valdoviño, e no seu entorno atópanse 3 hábitat de interese comunitario e cando menos 2 especies protexidas, polo que parece absurdo alterar estas zonas protexidas cando a escasos 50m existe un aparcadoiro onde o impacto sería moito menor.

A veciñanza da zona alertou a pasada semana a ADEGA da entrada de maquinaria pesada na praia de Doniños para colocar un chiringuito de xeados. Este esperpento, foi perpetrado a plena luz do día, na zona de Outeiro, xusto ao final do acceso á praia dende o aparcadoiro. Por esa razón, membros de ADEGA deron aviso ao servizo de protección da natureza (Seprona) para que se achegasen pola zona e comprobasen de primeira man este atropelo mediambiental.

ADEGA amosase sorprendida da falta de control da administración sobre a instalación deste chiringuito, posto que non se fixo ás agochadas e calquera que pasease pola zona podía ter observado o proceso, como así o fixeron varios dos testigos que puxeron en alerta a esta asociación ecoloxista. Ademais, a instalación non se limitou a asentar o chiringuito senón que, posto que dispón dunha instalación eléctrica, escabouse unha zanxa dende o aparcadoiro ate o chiringuito.

ADEGA considera absurda a instalación deste chiringuito no areal cando a escasos 50m existe un aparcadoiro onde a colocación non suporía ningunha alteración para os hábitat prioritarios nin para as especies protexidas que existe na zona. Isto demostra o pouco interese da administración pola protección do medio ambiente e a deixadez na xestión das especies protexidas, como a píllara das dunas, que é unha das poucas que ten un plan de xestión.

A praia de Doniños está dentro dos espazos protexidos Rede Natura 2000 Costa Ártabra (LIC) e Costa de Ferrolterra-Valdoviño (ZEPA), declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, e no seu entorno existen 3 hábitats de interese comunitario: Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas blancas), dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises) e depresións intradunais húmedas. Ademáis, nesta praia tense constada a presencia da cando menos 2 especies protexidas, unha planta vascular endémica (Omphalodes littoralis gallaecia) e a Píllara das dunas (Charadruius alexandrinus) un ave da que no ano 2008 só existían 81 parellas nidificantes en Galiza, o único lugar da costa norte da península ibérica onde aniña esta ave, e que se atopa en período de aniñamento nesta época do ano.

ADEGA considera que a zona ten suficientes valores naturais e figuras de protección como para prohibir o acceso de calquera vehículo de tracción mecánica, e pensa que é unha autentica burrada que se permita o acceso de maquinaria pesada. Os danos que esta maquinaria puido provocar na praia non son menores, xa que aínda que poidamos pensar o contrario, entre os graos de area da praia viven multitude de pequenos seres vivos que forman a base da pirámide trófica dese ecosistema. Ao furar e retirar a area, estes animais e plantas e moi probable que morran polo que se está a causar unha alteración no ecosistema. Tendo ademais en conta que o propio desprazamento da máquina pola area pode tamén ter causado alteracións no hábitat, (pisando a vexetación, por exemplo) e que ate o ruído da máquina pode espantar as aves (que están en período de aniñamento) a ADEGA parécelle un despropósito toda esta situación.

Por todo isto, esta asociación ecoloxista está a investigar como puido ocorrer este suceso para que se depuren responsabilidades.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal