ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Visita de técnicos de Custodia do Territorio

06-05-2015

Visita de técnicos de Custodia do Territorio

ADEGA acolleu na semana do 20-26 de abril a un técnico de custodia do territorio, Xavi Alifonso, da Associació Picampall de Cataluña para a súa capacitación coñecendo a iniciativa “Charcas con Vida”. A súa visita enmarcábase na no proxecto Tecendo redes que durante o 2014-2015 ten o obxecto de de difundir as boas prácticas de traballo e desenvolvemento social e institucional da custodia do territorio entre as diferentes redes e entidades de custodia do Estado.   É unha iniciativa promovida polo Foro Estatal de Entidades de Custodia do Territorio e a Xarxa de Custodia del Territori.

FOTOS DA VISITA

Fin de semana 18-19

O  programa de visitas comezou o día 18 de abril nas XXI Xornadas de formación de Proxecto Ríos na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con. Ao día seguinte o equipo desprazouse ata Verín, para participar no Roteirríos polo Támega. Un roteiro guiado para descubrir a biodiversidade deste LIC do sur de Galicia e as charcas formadas por antigas explotacións de grava.

Luns día 20

Visitouse o local nacional de ADEGA. Xavi puido coñecer de primeira man as principais actividades do equipo de educación ambiental de ADEGA. Despois presentóuselle máis polo miúdo o programa Charcas con Vida, a iniciativa que viña a coñecer máis a fondo. Explicóuselle a traxectoria deste proxecto que cumpre tres anos de andaina para a posta en valor e divulgación das pequenas masas de auga.

Martes día 21

Parte do equipo de ADEGA desprazouse xunto con Xavi, e tamén con dúas persoas máis que se uniron a esta visita. Desde a asociación catalana de custodia Paisatges Vius, Guillem e Irene, acompañaron a visita a Allariz.

Visitouse o Centro de Educación Ambiental O Rexo, onde ADEGA construíu unha charca en maio de 2014. Alí tivo lugar unha reunión co concelleiro de medio ambiente quen explicou aos visitantes a integración do programa Charcas con Vida nas actividades do centro. Aproveitando a visita ADEGA asinou un acordo de custodia do territorio co Concello de Allariz e coa Fundación Ramón González Ferreiro para a xestión da charca e realización de actividades de inspección. Pola tarde xunto cun centro de ensino realizouse unha inspección da charca observando a súa biodiversidade e explicándolles aos máis novos cales son os beneficios e ameazas destes ecosistemas.

Ao rematar o equipo desprazouse ata  Sandiás, en Xinzo de Limia. Un lugar perfecto para a observación de aves onde observamos charcas restauradas en zonas de explotación areeira. Para rematar visitáronse unhas pequenas charcas temporais no concello de Vilar de Barrio.

Mércores día 22

O equipo desprazouse ata Manzaneda, onde se visitaron zonas de turbeira para supervisar futuros traballos co voluntariado. Nesta visita se observaron charcas de montaña en relativo bo estado de conservación, aínda que algunhas precisan de labores de descolmatación por aporte continuo de grava das pistas próximas en períodos de chuvia.

Ao rematar esta visita, o equipo desprazouse ás charcas que ADEGA ten en custodia do territorio. A primeira foi na finca de Castieixas onde se asinou o primeiro acordo de custodia do territorio da entidade en 2008. A finca localizada no concello de Montederramo posúe varias pozas de rega recuperadas en anos anteriores por voluntariado ambiental (última actuación 2013).

Visitouse tamén a finca da Ermida, localizada en Xunqueira de Espadanedo, onde se asinou un acordo coa súa propietaria en 2013, e grazas ao cal se construiu unha charca aproveitando un manancial, e a cal se supervisa habitualmente. Para finalizar o día visitáronse as barreiras de Niñodaguia, unha zona de extración de barro para a industria local que co paso dos anos ten creado un mosaico de charcas de maior e menor tamaño sendo un interesante lugar para a observación de aves acuáticas, odonatos, e anfibios.

Xoves día 23

Realizouse unha visita a un centro de ensino. Desta volta o equipo desprazouse ata Cambados onde o IES Francisco Asorey posúe unha antiga charca construída no interior do centro na que se realizan inspeccións de xeito periódico. Ademáis no 2013 coa colaboración de Charcas con Vida construíronse dúas novas charcas nas dependencias do centro, pero debido ás condicións meteorolóxicas estaban totalmente secas.Pola tarde aproveitouse para visitar outra das charcas apadriñadas desta vez polo Colectivo Ecoloxista do Salnés. Alí persoal do colectivo amosaron a Lagoa da Bodeira, un pequeno humidal costeiro onde cada ano realizan inspeccións. E onde á moi fácil observar numerosas aves acuáticas, anfibios e flora típica destes ecosistemas acuáticos.

Venres día 24

Foi o momento para traballo de oficina, Xavi puido estudar a fondo os acordos de custodia do territorio que ao longo destes 3 anos se teñen asinado no proxecto Charcas con Vida. Ademáis empregouse parte do día para organizar as xornadas do seguinte día 25, para conmemorar a celebración internacional “Save The Frogs Day”.

Sábado día 25 - Save The Frogs Day

O sábado 25 pola mañá celebrouse en Pontevedra unha xornada organizada por ADEGA, a SGHN e a AHE para divulgar a importancia das Enfermidades Infecciosas Emerxentes, unha nova ameazas sobre os anfibios galegos, e na que se aproveitou para presentar un protocolo editado polas tres entidades para o mellor coñecemento destas enfermidades e algúns medios para diminuír os seus impactos. (CRÓNICA DA XORNADA).

Pola tarde un equipo de 10 voluntarios/as se desprazaron ata o lugar de Sabarís, en Campañó (Pontevedra) a unha pequena finca para recuperar unha antiga poza de rega. Esta actuación tamén enmarcada no día internacional Save The Frogs Day, contou co apoio da propietaria da finca coa cal tamén se asinou un acordo de custodia do territorio para a creación e supervisión dunha pequena charca, nun lugar moi fragmentado por infraestrutruas, e con escasez de puntos de auga para os anfibios (CRÓNICA DA XORNADA).

Así rematou unha intensa semana de visitas e actuacións do proxecto Charcas con Vida na que esperamos que tanto Xavi da Associació Picampall e Guillem e Irene de Paisatges Vius desfrutaran da visita, e coñeceran un pouco máis a fondo as charcas galegas.




O proxecto Charcas con Vida divulga desde 2013 a importancia destes ecosistemas, alén de mobilizar  persoas voluntarias en todo o país, e asinar acordos de custodia cos propietarios e propietarias para crear e recuperar pequenas e grandes charcas polo territorio galego.Esta semana de actividades desenvolveuse grazas ao O proxecto Tecendo redes para a custodia do territorio en España é impulsado polo Foro de Redes e Entidades de Custodia do Territorio e a Xarxa de Custòdia del Territori, en colaboración coa Fundación Biodiversidad e la Obra Social "la Caixa".

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal