ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Descarrega os novos folletos sobre especies...

30-04-2015

Descarrega os novos folletos sobre especies invasoras

ADEGA ven de editar dous folletos para alertar unha vez máis sobre a problemática das especies invasoras.

Os folletos forma parte do plan de divulgación do proxecto “Rede de voluntariado ambiental para a eliminación de especies invasoras en ecosistemas acuáticos”, que conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidad. Grazas a esta iniciativa ADEGA realiza ao longo deste ano diferentes actividades relacionadas coas especies exóticas invasoras. En marzo se realizou unha xornada de eliminación de invasoras no río Liñares con voluntariado ambiental e nos próximos meses celebraranse outras dúas xornadas similares.

As especies exóticas invasoras son a segunda causa de perda de biodiversidade a nivel planetario. Plantas e animais teñen sido introducidos de xeito accidental ou voluntario na natureza con comportamentos colonizadores e transformadores do territorio polo que son considerados invasores, xa que poden desprazar (e mesmo extinguir) ás comunidades naturais. Son especies moi difíciles ou imposibles de erradicar, polo que o máis recomendable é a prevención fronte á súa entrada en hábitats naturais e ben conservados.

Para reforzar a divulgación desta ameaza, nas actividades Proxecto Ríos e Charcas con Vida se distribúen estes novos folletos explicativos. O folleto ten dúas versións similares, unha centrada nas especies animais invasoras e outra sobre as especies vexetais, todas elas presentes ou ligadas aos ecosistemas acuáticos.

Son moitas as especies tanto animais como vexetais que invaden os ecosistemas acuáticos galegos (charcas, ríos, lagoas, etc.), pero cada folleto só amosa 14 delas. Algunhas son, lamentablemente, fáciles de atopar e identificar, pero outras teñen unha localización máis restrinxida, incluso algunhas aparecen por ser potencialmente invasoras.

O folleto pode solicitarse en papel no local nacional de ADEGA ou descargalo en pdf (abaixo en Descargas)

ADEGA solicita a aquelas persoas que localicen algunha destas especies que reporten estes datos, poñéndose en contacto no tlf 981 57 00 99 ou no correo adega@adega.gal

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal