ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Máis eucaliptos, agora sobre endemismos galegos...

07-05-2015

Máis eucaliptos, agora sobre endemismos galegos en perigo de extinción

ADEGA e a FEG veñen de denunciar unha plantación de eucaliptos na área de protección da RN2000 do Careón, nunha zona na que están presentes endemismos botánicos únicos no mundo e en perigo de extinción.

Trátase dos endemismos serpentiníticos Santolina melidensis, Leucanthemum gallaecicum, e Armeria merinoi, consideradas en perigo de extinción no Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se  regula  o  Catálogo  galego  de  especies ameazadas, e cuxa distribución mundial está restrinxida a unhas poucas hectáreas nos concellos de Santiso, Palas de Rei e Melide.

A parcela que foi rozada, sometida a subsolado e finalmente plantada con eucaliptos, sitúase na parroquia de Barazón (Santiso) dentro da área de maior valor ecolóxico, a de protección,, establecida no Plano Director da Rede Natura 2000 para a ZEC da Serra do Careón. Esta actuación contravén os obxectivos de conservación para os hábitats e especies pertencentes á unidade ambiental UA321 Matogueiras e medios rochosos serpentiníticos, fixados no do Decreto 37/2014, polo que se aproba o Plano Director da RN2000.
Na mesma ZEC do Careón, ao longo das numerosas pistas da parcelaria tamán na parroquia de Barazón, máis flora en perigo de extinción foi recentemente rozada sen contemplacións.

Cómpre lembrar que para estas especies endémicas e de distribución limitada a transformación do seu hábitat é o principal factor de degradación. Eis a causa de estaren consideradas en perigo de extinción, e a obriga das administracións de tutelar de xeito efectivo este patrimonio único.

Dende ADEGA e a FEG chamamos tamén a atención sobre a nula efectividade do Plano Director da RN2000 que malia a establecer a obriga de conservar estes fráxiles hábitats e fixando os usos e aproveitamentos permitidos e prohibidos, rara vez se pon en práctica.
Só así se explica que nunha área tan fráxil e en teoría protexida, poidan acontecer estes feitos sen que ningún estamento administrativo (Medio Ambiente. Medio Rural) interveña para evitalo denantes de que os colectivos ambientalistas os denunciemos.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal