ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Dende Catalunya a Allariz para coñecer o proxecto...

21-04-2015

Dende Catalunya a Allariz para coñecer o proxecto Charcas con Vida de ADEGA

Este 21 de abril, membros de dúas entidades catalás visitan o ecoespazo O Rexo (Allariz) para coñecer guiados/as por ADEGA o proxecto "Charcas con Vida" e a charca alí construída. Aliás, poderán coñecer outras iniciativas galegas de custodia do territorio.

A Associació Ornitològica Picampall e a Associació Paisatges Vius, son dúas organizacións catalanas que traballan no eido da conservación da natureza e da divulgación dos valores ambientais. As dúas organizacións forman parte da Xarxa de Custodia del Territori, unha rede que impulsa a Custodia do Territorio como ferramenta para conservación da biodiversidade en Catalunya e no resto do estado.

Charcas con Vida é un proxecto de voluntariado ambiental, educación ambiental e custodia do territorio para a posta en valor das pequenas zonas húmidas. Esta iniciativa que comezou no 2013 traballa en toda Galiza con diferentes colectivos co obxectivo de conservar e recuperar pequenas charcas como puntos de biodiversidade. Charcas con Vida divulga a importancia a nivel cultural, económico e ambiental así como as ameazas que teñen estes lugares.

Esta visita enmárcase nun programa máis amplo que ADEGA organiza para que as persoas destas dúas entidades coñezan máis proxectos de conservación de Charcas e acordos de custodia do territorio. Para iso visitarán tamén proxectos no concello de Xunqueira de Espadanedo, Montederramo ou Manzaneda, así como outras iniciativas nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Novo acordo de custodia co concello de Allariz

No 2014 Charcas con Vida construíu unha charca no Centro de Educación Ambiental O Rexo (Allariz), coa axuda de persoas voluntarias. A charca é un pequeno hábitat que funciona neste caso como recurso didáctico para que aquelas persoas que visiten o centro poidan descubrir a biodiversidade que acolle.

Este martes ADEGA e o concello de Allariz asinarán un acordo de custodia do territorio para a conservación e mantemento desta e doutras charcas no ámbito do concello. Ademáis dende o Concello e a Fundación Ramón González Ferreiro recibirán ás persoas que dende Catalunya visitan O Rexo para explicarlles de qué xeito Charcas con Vida funciona no Centro e como a custodia do territorio está a ser unha ferramenta de conservación da natureza e de colaboración entre entidades públicas ou privadas) e organizacións de custodia.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal