ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Fundación EIRA, declarada de interese galego...

16-04-2015

A Fundación EIRA, declarada de interese galego para a defensa do medio natural

A recén constituida Fundación EIRA asumirá a organización, xestión e desenvolvemento de diferentes actividades de interese xeral que terán centro o equipamento da Eira da Xoana.

A Eira da Xoana, constituída fisicamente por unha casa e finca sitas na parroquia de Ramil, no Concello de Agolada, nace en 2007 como resultado dun proxecto de ADEGA para dispoñer dun equipamento ou centro medioambiental e cultural que, dende a súa privilexiada ubicación no corazón da Galiza, permitira desenvolver diferentes actividades, reflexo práctico dos principios e valores de defensa cultural e medioambiental que ADEGA sempre defendeu.

Baixo estes preceitos e despois das laboriosas tarefas de rehabilitación do equipamento e acondicionamento das fincas, en 2009 comezaron a desenvolverse diferentes actividades culturais, educativas e medioambientais abertas á poboación xeral e enfocadas cara unha metodoloxía participativa e de implicación directa por parte da cidadanía.

A decisión de crear a Fundación Eira no ano 2014 é a consecuencia da dimensión adquida polo proxecto da Eira da Xoana, e polo incremento proporcional das necesidades humanas, materiais e económicas. A recente merca do Castro de Remonde nunha área veciña e próxima ao Castelo de Pambre co obxectivo de desenvolver proxectos de divulgación e restauración ecolóxico-patrimonial, reforza esta idea de contar cunha xestión propia, independente e tutelada polas administracións públicas.

O seu padroado está integrado por membros da Directiva de ADEGA e persoas de recoñecido prestixio e compromiso coa causa ecoloxista, e está presidido por Adela Figueroa, escritora, histórica ecoloxista e ex-presidenta de ADEGA.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal