ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica do obradoiro de construción dun forno...

10-04-2015

Crónica do obradoiro de construción dun forno solar

O 8 de abril tivo lugar o obradoiro de construción de fornos solares con caixas de cartón impartido por Juan Bello experto en cociña solar e profesor de edificación e obra civil do CIFP de Someso. Arredor dunha trintena de persoas construímos os nosos fornos. 

obxectivo desta actividade é coñecer e experimentar coa enerxía solar que culminará cun ENCONTRO SOLAR onde probaremos e cociñaremos co forno que construímos hoxe. O encontro solar celebrarase o 22 de abril no aparcamento da Facultade de Socioloxía e Comunicación Audiovisual.

A xornada comezou cunha pequena charla onde se explicaron os distintos mecanismos que hai para cociñar co sol, as súas utilidades e beneficios. Nun ano o sol envía a terra catro mil veces a enerxía que consumimos, por iso debemos aproveitar este recurso natural inesgotable que temos sempre a nosa disposición.

Unha vez feita a introdución, comezamos coa construción do forno. O custo medio dun forno solar é de 4€ e a temperatura que pode acadar e de 120º. Se queredes construír un forno podedes seguir as instrucións na seguinte páxina e tamén participar no encontro solar.

Aproveitando o bo día que tivemos puxemos a funcionar varios fornos que levamos de mostra, un feito de madeira, outro mercado, unha hot pot e unha cociña feita cun funil de plástico. Así ao rematar de traballar puidemos degustar uns riquísimos champiñóns, unhas peras ao viño e mazás asadas.

Encontro Solar pretende ser un espazo de participación que divulgue as aplicacións da enerxía solar na vida cotiá e fomente o seu uso. Nesta mostra realizaranse diversas actividades que pretenden crear unha nova cultura enerxética que incida na redución e na eficiencia do consumo. Un cambio de comportamento preciso, encamiñado a mitigar o cambio climático.
Se tes curiosidade por saber como será o encontro aquí tes o enlace a crónica do ano pasado.

Se xa cociñas co sol ou queres comezar a facelo apúntate ao encontro solar, intentaremos xuntar o maior numero posible de cociñas e fornos, aprenderemos técnicas de cociña e probaremos os riquísimos pratos. En breve a través da oficina de medio ambiente poñeremos ao voso dispor un formulario para anotarvos ao encontro e organizar as comidas e sobremesas.

Esperamos que gozarades da actividade tanto coma nós e que nos vexamos na próxima.
Todas as fotografías do obradoiro aquí.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal