ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Os intereses privados, outra volta por riba da...

09-04-2015

Os intereses privados, outra volta por riba da protección das nosas árbores senlleiras

Árbores protexidas? Pois depende...

Na súa resposta á denuncia de ADEGA, a Dirección Xeral de Conservación fai seus os argumentos da Axencia Estatal de Segutidade Aérea, AESA, que xa en 2009 autorizara a tala deste exemplar por, na súa opinión, constituir "un perigo para a seguridade das persoas" e un "problema grave para a aviación".

Estes argumentos foron achegados en 2008 pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, xestora do uso privado do aeródromo de Rozas, para pedir a tala desta árbore, omitindo toda referenza a que o Eucalipto das Lombas está protexido e fai parte no Catálogo Galego das Árbores Senlleiras e omitindo tamén que existían numerosas alternativas de voo para non tocar ao ben protexido. 

Agora a Xunta, en troques de exercer a tutela efectiva deste patrimonio público, fai seus os argumentos da Cámara de Comercio e de AESA, sen ter en conta que é unha actuación motivada por intereses comerciais privados, sen considerar as numerosas alternativas de navegación aérea e sen dar a palabra ás institucións implicadas (Comité das Árbores Senlleiras, Concello, Patrimonio...)

Unha árbore que nin os nazis nin o franquismo foron quen de cortar...

O Eucalipto bicentenario das Lombas mantívose case de milagre apesar das ameazas que tivo que enfrontar dende 1943 pola instalación do aeródromo das Rozas. Durante a II Guerra Mundial, os fascistas interpretaban que a descomunal árbore podería interferir na actividade do aeródromo ao ser tomada como referenza pola aviación aliada. Ao longo destes 72 anos, as pretensións de abater esta árbore monumental sempre foron afrontadas con valentía polos seus donos, actitude que permitiu conservala no tempo e gozar da súa beleza e integridade.

Finalmente, o que nin os nazis nin o franquismo puideron conquerir, autorizouno a Xunta. E o informe do Centro Forestal de Lourizán que esgrime a D. X. de Conservación para xustificar a poda, non contemplou que existían numerosas alternativas de navegación aérea para non ter que tocar a árbore. Son estas alternativas, que poderían ter desenvolvido os xestores do aeródromo privado, as que a Xunta decidíu esquecer, facendo seu o argumento da Cámara de Comercio: cortar a árbore a calquera prezo!

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal