ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Xunta non autorizará finalmente a escavación do...

08-04-2015

A Xunta non autorizará finalmente a escavación do forno romano das Catedrais

O proxecto pretendía o estudo, a recollida e documentación dos restos cerámicos do forno antes de seren alcanzados polo mar

Forno de Esteiro, nas Catedrais

Tras os temporais de 2014 que afectaron gravemente o xacemento romano da zona da Praia das Catedrais, oito asociacións culturais (Mariñapatrimonio, ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, A Galleira, A.C. Francisco Lanza, Irmandade de Santo Estevo e Ollomao) contactamos coa Dirección Xeral de Patrimonio, non só para informar sobre a situación crítica na que se atopaba o sitio arqueolóxico, senón tamén para demandar unha intervención de urxencia que evitase a desaparición dos restos arqueolóxicos e que permitise obter a información científica que agocha o forno romano de Esteiro.

Conscientes de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta non ía actuar coa rapidez necesaria, os oito colectivos culturais decidimos aunar esforzos para contratarmos un equipo de arqueólogos que realizase a demandada intervención arqueolóxica. Con este obxectivo en febreiro de 2015 enviamos a Patrimonio o noso proxecto de intervención, ao tempo que solicitabamos a pertinente autorización.

Debido á tardanza dunha resposta por escrito e despois de coñecer que a Xunta non estaba disposta a ver danada a súa imaxe delegando na sociedade civil a protección dun xacemento arqueolóxico, o pasado mes de marzo decidimos iniciar unha campaña para informar á opinión pública sobre a precaria situación na que se atopa o xacemento arqueolóxico de As Catedrais.

Coincidindo coa posta en marcha da campaña informativa, Patrimonio contactou telefonicamente con nós para comunicarnos que permitiría a nosa intervención arqueolóxica, unha vez que enviásemos as autorizacións do Servizo de Costas e do propietario do terreo. Pero este trámite non o chegamos a realizar, a pesar de contarmos cos citados permisos, por mor das modificacións que Patrimonio esixe no noso proxecto.

Modificacións inasumibles

Roteiro ao forno de Esteiro

O proxecto de intervención arqueolóxica presentado na Xunta consistía na realización dunha cata de 3x3m, coa intención de recoller os materiais arqueolóxicos, documentar as estruturas do forno e averiguar se existen outras estruturas anexas ao xacemento. Posteriormente, a cata sería novamente tapada e, cos datos obtidos, avaliaríase se cumpría adoptar outras medidas, tales como o traslado das estruturas atopadas ou a construción dunha escolleira de protección. Estas novas medidas, de seren necesarias, deberían levalas a cabo Costas, Patrimonio ou o Concello.

Malia a que expertos consultados e os arqueólogos contratados consideran este proxecto como o máis axeitado, nunha recente comunicación da Dirección Xeral de Patrimonio indícasenos que cómpre "modificar as dimensións da sondaxe”, así como "executar unha pequena escolleira diante das escadas e da zona escavada".

Arqueólogos consultados sobre estes requisitos esixidos pola Xunta consideran que cunha cata arqueolóxica reducida, como propón Patrimonio, non abondaría para recoller os materiais arqueolóxicos, non se poderían documentar as estruturas e sería imposible saber se o xacemento ten continuidade, polo que carecería de sentido facer unha intervención da que non se van obter
resultados.

En canto á construción da escolleira que se nos esixe, o seu custe é para nós inasumible , como moi ben sabe Patrimonio, polo que pode que precisamente por iso se nos impoña como unha das condicións para autorizarnos a escavación.
En definitiva, a Xunta non autoriza o proxecto de intervención presentado e ao mesmo tempo os colectivos promotores non podemos asumir as modificacións que nos esixe Patrimonio; por iso as asociacións que pretendiamos colaborar na conservación, no estudo e posta en valor do xacemento das Catedrais vémonos na obriga de renunciar á intervención arqueolóxica tal e como a entende a Xunta.

O forno está a piques de ser devorado polo mar

Con todo, non podemos deixar de amosar a nosa satisfación por ter logrado que a cidadanía coñeza a existencia e a importancia do xacemento das Catedrais, así como o estado crítico no que se atopa.

Tamén nos satisface que Patrimonio coñeza a importancia deste xacemento e que sexa consciente de que o mar acabarao destruíndo se a Administración non actúa. Daquela, confiamos e agardamos que o motivo polo que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural rexeita a nosa colaboración non sexa outro que o desexo de executar pola súa banda un proxecto mellor o antes posible.

No entanto, se a Xunta non actúa e tampouco nos deixa facelo a nós, a opción que queda é que o mar leve o xacemento das Catedrais; e iso, ademais de indignante sería vergoñento.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal