ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O concello de Baralla quere desprotexer un espazo...

07-04-2015

O concello de Baralla quere desprotexer un espazo natural para autorizar unha canteira

ADEGA presenta alegacións requirindo que se conserve unha área con importantes valores xeolóxicos e botánicos fronte a súa explotación mineira.

Ladeira do Rego das Fontes onde se quere explotar a canteira

A finais de marzo, ADEGA presentou alegacións perante a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, nun expediente promovido polo Concello de Baralla para eliminar a protección dun espazo natural da parroquia de Vale no planeamento urbanístico municipal, co obxectivo de suprimir obstáculos legais que impedisen a autorización dunha canteira de area nesa zona de protección.

A día de hoxe ADEGA descoñece se a Xunta tivo en consideración tales alegacións á que lle solicita información ao respecto e critica a actitude do concello de Baralla por velar máis polo interese particular dunha empresa mineira que polo interese xeral de conservación dun espazo natural.

Habitats de Interese Comunitario e rarezas botánicas

Co gallo de evitar esta desprotección, ADEGA presentou un informe técnico no que se resaltan os valores e recursos naturais merecedores de protección e o potencial cultural da zona afectada, situada nas proximidades do núcleo rural de Vale, na cabeceira do Rego das Fontes, afluente do Neira. A singularidade da zona na que se quere explotar a canteira radica na existencia de afloramentos calcarios moi escasos en Galicia –supoñen o 0,52 % da superficie galega-, que determinan a presenza de especies botánicas tamén escasas e de especial importancia como Acinos aplinus, Anthyllis vulneraria, Erinus alpinus, Ceterach offi, Geranium sanguineum ou sanguisorba minor.  

Na área afectada tamén se atopan varios hábitats de interese comunitario recoñecidos pola Directiva Europea de Hábitats 92/43/CEE, e a posibilidade da existencia de hábitats de interese prioritario no fondo do vale, na ribeira do río. Tampouco se pode desbotar a presenza dalgunhas especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.  

O informe de ADEGA tamén destaca a presenza de cavidades naturais, onde se poderían refuxiar animais protexidos, como varias especies de morcegos, e a hipotética existencia –en tanto non se fagan as investigacións oportunas- de restos arqueolóxicos ou paleontolóxicos, como xa se teñen descuberto en época recente noutras covas da mesma área xeográfica (Valdavara –Becerreá-, Eirós -Triacastela-, etc.).  

Alén das repercusións citadas, a canteira proxectada tamén terá repercusións negativas para a veciñanza de Vale, ao preverse a circulación de camións da empresa minería polo camiño que atravesa o núcleo, e a carón dun regueiro e dalgunhas formacións de castiñeiros centenarios existentes nas súas marxes.

Patrimonio á mercede da minaría

Zona de Vale protexida no planeamento urbanístico

ADEGA critica a proliferación e espallamento de canteiras no concello de Baralla –algo común no resto de Galicia, que resulta da falta dunha planificación mineira a escala rexional-, e o incumprimento das obrigas esixidas pola lexislación  mineira en relación coa restauración dos espazos degradados polas mesmas.

Lembramos que, a pouco máis de medio quilómetro de Vale, o concello de Baralla ten aprobado recentemente outra modificación do planeamento urbanístico para poder ampliar a área de afectación doutra canteira pola que acabou sendo destruíndo o castro de Sixirei. Para que non se volvan repetir este tipo de atentados contra o patrimonio público, ADEGA demanda da Administración inventarios arqueolóxicos serios e unha axeitada protección deste tipo de patrimonio. E pídelle á Xunta que este expediente concreto sexa resolto desfavorablemente, manténdose a  protección da zona afectada na parroquia de Vale.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal