ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA gaña unha sentenza que obriga á...

24-03-2015

ADEGA gaña unha sentenza que obriga á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a defender o río Rato

A Administración hidráulica debe investigar varias infraccións denunciadas por ADEGA e abrir expedientes sancionadores.

Río Rato seco ao seu paso polo Parque de Paradai

En 2010 a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) denunciara recheos de terras, vertidos e perdas de caudal en varios lugares do río Rato, entre o Polígono de O Ceao e a nova Ponte de Paradai. Parte destes recheos supuxeron a acumulación de miles de toneladas de terras e escombros nas marxes do Rato, como aconteceu na parcela da vella fábrica de alcatrán próxima ao Ceao ou preto das Termas. Por outra banda, as perdas de caudal que se producen desde anos a uns colectores de saneamento próximos que se atopan en desuso comprometen a subsistencia das especies animais que habitan este tramo do río, especialmente na época estival.

Sorprendentemente, a denuncia foi arquivada en febreiro de 2012 pola Confederación Hidrográfica, presidida polo Sr. Francisco Liñares, achacando as perdas de caudal a causas naturais, e negando a propia existencia do río nas proximidades dos recheos, malia que por esa época xa se tiña sancionado outras infraccións en lugares próximos.

Ante o insólito dos feitos, evidentes a simple vista, e para conseguir que a Administración cumprise coa súa obriga de repoñer o caudal do río e as marxes afectadas ao seu estado natural anterior, ADEGA tivo que recorrer aos Tribunais. Durante o proceso xudicial a Confederación tratou de xustificar a falta de actuación contra varias agresións, nuns casos co pretexto de descoñecer aos infractores e noutros negando a existencia dos tramos do río afectados, mesmo a carón dunhas instalacións feitas por dito Organismo, e malia a ter identificado ditos tramos nunha recente cartografía elaborada pola mesma.

Recheos no Rato, entre O Ceao e As Gándaras

Porén, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar sentenza que condena a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a actuar contra varias agresións denunciadas por ADEGA e que afectaron ao tramo alto do río Rato. O fallo, que pon fin ao proceso, ordena á Confederación investigar e a abrir os oportunos expedientes sancionadores, e reprocha a falla de dilixencia na protección do río e das súas marxes, lembrándolle que <>.

O colectivo ecoloxista ADEGA sinte satisfacción polo fallo xudicial, aínda que considera abusivo que as administracións públicas, neste caso a Confederación, sigan a desatender as súas funcións, obrigando a unha asociación de escasos recursos económicos e sen ánimo de lucro a acudir aos Tribunais para defender un ben público, o río Rato, de agresións tan groseiras e indiscutibles. No entanto, desde ADEGA manifestamos a nosa intención de seguir velando pola defensa do Rato e pola apertura dos expedientes que sexan necesarios para acadar a reposición do río e dos terreos afectados ao seu estado natural.

Arqueta no medio ro río Rato

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal