23-03-2015
Dende a aprobación da Lei de Montes en 2012 pola maioría do PP, as denuncias por plantacións ilegais e cambios de usos aumentaron nun 274%. Era visto: a lei favorece os monocultivos, nomeadamente do eucalipto e permite as cortas a feito de carballeiras.
ADEGA vén de obter información sobre o número de denuncias que se tramitaron na xefatura provincial de Lugo da Consellaría de Medio Rural e do Mar dende a posta en vigor da Lei de Montes en agosto de 2012 até decembro de 2014. Segundo os datos facilitados pola propia Administración, nese período na provincia de Lugo rexistráronse 1.104 denuncias, das cais a maioría (75%), corresponden a cambios de uso ou actividade do solo (art. 60 e 61), repoboacións de eucaliptos onde antes había especies frondosas (art. 67.4); relacionadas coa prohibición de plantar en terreos agrarios (art. 67.1.), ou con incumprimentos de distancias (anexo II). Dos datos achegados pola Xunta chama a atención que tan só un 16% das denuncias tiveron sanción.
Elevado número de denuncias (822) só na provincia de Lugo nos últimos tres anos por cambios de usos, repoboacións prohibidas e distancias, é indicativo por unha banda, da sensibilidade social que existe a respeito da perda do bosque autóctono e o avanzo do eucalipto; e por outra, da falla de información (interesada) sobre esta lei e as súas determinacións no medio rural. Porén, o incremento no número de denuncias ao respeito desta categoría de infraccións, que pasaron de 160 no ano 2012 a 439 no ano 2014, tamén indica que a nova Lei de Montes cando menos fornece á cidadanía dos instrumentos para denunciar actuacións ilegais.
Malia a isto, a maioría das denuncias feitas foron arquivadas logo de que os infractores atenderan o requirimento da Administración de restituír a situación á legalidade, o que aponta a que moitas das infraccións son debidas ao descoñecemento dunha norma na que a propia Xunta laminou a participación pública.
ADEGA demanda da consellaría do Medio Rural e do Mar que faga unha maior difusión das obrigas que establece a nova Lei de Montes no medio rural e entre as persoas propietarias do monte, especialmente naqueles aspectos que xeran maior número de denuncias (cambios de actividade, repoboacións en zonas ou con especies prohibidas).
Hai tamén centos de denuncias que non se chegan a presentar por medo ás posibles repercusións e represalias. Esta eiva agrávase xa que a Consellaría de Medio rural e Mar non realiza inspeccións de oficio e tan só atende as denuncias feitas polos administrados. Portanto, sería preciso que a administración verificara periodicamente o cumprimento da normativa logo de difundila en cada unha das parroquias, nomeadamente, alí onde se detectara algunha infracción.
Desde ADEGA tamén solicitamos da Xunta que, nun acto necesario de transparencia, faga públicos os datos das denuncias realizadas en materia de montes e incendios en todo o territorio galego para termos coñecemento da efectividade da norma e de cal é a resposta da sociedade galega.
Por último, as entidades que facermos parte de "Cousa de raíces" volvemos esixir da Xunta que divulgue e poña en valor as masas de bosque galego que aínda conservamos, e abandone as políticas suicidas que favorecen a expansión do eucalipto e os cultivos enerxéticos. Está en xogo non só a supervivencia da floresta autóctona e da nosa biodiversidade, senón tamén a fertilidade do solo e os recursos dos que vive unha grande parte da poboación galega.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal