Inicio / Novas / Delegacións / A Xunta autorizará a intervención arqueolóxica no...
18-03-2015
Logo da reiterada reclama de Mariñapatrimonio, ADEGA e doutras 6 organizacións culturais para poder desenvolver un plan de recuperación do forno romano de Esteiro situado no espazo protexido das Catedrais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de comunicar telefonicamente que autorizará de forma urxente a intervención solicitada polas entidades solicitantes e do grupo de profesionais destinados a tal labor no xacemento arqueolóxico.
As diferentes asociacións que respaldamos o Proxecto Arqueolóxico para o Estudo e Protección do forno romano de Esteiro queremos expresar a nosa satisfación pola resposta da Xunta e do Servizo de Costas, ao tempo que valoramos moi positivamente a reacción das administracións competentes ante as demandas da sociedade civil que, consciente da importancia que ten este patrimonio, reclama a súa protección.
Por outro lado, o departamento autonómico competente na protección do Patrimonio Cultural tamén nos avanzou que vai poñer en marcha medidas eficientes de coberta e protección do sitio arqueolóxico de Estabañón, unha vila-factoría romana que se atopa na praia da Area de Viveiro. A situación de deterioro que está a sufrir estoutro xacemento da Mariña tamén foi denunciada ante a Dirección Xeral recentemente por Mariñapatrimonio, ADEGA e o colectivo “Pensamento e Sementeira”, polo que nos congratulamos de que finalmente neste caso a Xunta e o Servizo de Costas tamén atendan as nosas súplicas.
A esta lista de boas novas comunicadas de xeito oficioso pola D.X. de Patrimonio Cultural, súmase a intención do departamento de avaliar e comprobar o estado no que se atopan todos os xacementos arqueolóxicos costeiros da Mariña.
Para dar conta destes feitos que cualificamos de moi positivos para o noso patrimonio arqueolóxico e para informar sobre o roteiro do día 22 polos xacementos arqueolóxicos da costa, mañá xoves, 19 de marzo, Mariñapatrimoino organiza unha charla informativa na Casa das Letras de Ribadeo ás 20.30 horas, baixo o título “As Catedrais, tamén xacemento arqueolóxico”. Nesta cita, darase cumprida información sobre os valores patrimoniais do forno romano de Esteiro, a canle e as vetas auríferas das Catedrais, así como da presenza de varias minas romanas na Mariña lucense.
Así mesmo, lembramos que o vindeiro domingo 22 de marzo oito organizacións realizarán un roteiro por todos os xacementos arqueolóxicos mencionados e por outros da comarca ao que xa se apuntaron máis dun cento de persoas. Neste roteiro tamén informaremos sobre as últimos compromisos adquiridos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal