ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA solicita que se rexeite o Plan de...

10-03-2015

ADEGA solicita que se rexeite o Plan de legalización da factoría de Leite Río no Ceao

A factoría levantouse en terreos rústicos de especial protección

ADEGA solicita á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental da Xunta de Galicia que rexeite o “Plan de Sectorización non sector SUNP IN-B do PXOM de 1992” que pretende legalizar a factoría do Grupo Leche Río situada no Ceao. Esta factoría foi declarada ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao estar construída sobre terreos non urbanizables nin de uso industrial e ten pendente de execución unha orde de demolición emitida pola Axencia de Legalidade Urbanística en febreiro de 2014.

As obras ilegais da factoría leiteira, realizadas hai dez anos, supuxeron a destrución total dunha carballeira e recheos, nalgúns puntos de máis de 10 metros de altura, sobre unhas 8 Ha de terreos agrícolas e fértiles cualificados como solo rústico de especial protección. O Grupo Leche Río, no canto de repoñer ao seu estado natural os terreos afectados, tal e como lle obriga o TSXG, aférrase á política dos feitos consumados e trata de legalizar as súas instalacións no Ceao, presentando un Plan de ordenamento que a xuízo de ADEGA é irregular, fraudulento e especulativo.

O devandito Plan, non só pretende reclasificar o solo rústico como solo urbanizable, senón que ademais amplía a superficie de “ordenamento” ás 17 Ha, afectando de novo a áreas de elevado valor agrario (terras de cultivo), e ecolóxico (carballeiras), alén de núcleos rurais (asentamento de Bagueixos), vivendas tradicionais, camiños, peches e toda sorte de elementos patrimoniais e paisaxísticos ligados á construción tradicional do territorio rural. Por tanto, de materializarse este planeamento, todos estes valores desaparecerían e, mesmo, algunha das vivendas afectadas podería ser derrubadas para o paso de viais.




Aparte do seu impacto agrolóxico e ambiental, o plan que pretende a legalización da factoría leiteira fundaméntase na clasificación do solo do ordenamento urbanístico municipal de 1990, o cal non está adaptado á lexislación vixente. Así mesmo, nos planos da cartografía, a factoría leiteira aparece desprazada uns 13 metros cara ao Sur de xeito que a súa zona verde aparenta ser maior. Na realidade, non acada a reserva mínima de zona verde esixida por lei.


Terras agrarias que se verían afectadas polo plan urbanístico de Leite Río

Desde ADEGA consideramos que o Plan de Sectorización debe ser rexeitado pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo seu impacto ambiental, paisaxístico, patrimonial e polas numerosas irregularidades urbanísticas que presenta. ADEGA considera que o Concello de Lugo ten superficies amplas de solo industrial, como o Parque Empresarial das Gándaras, onde poder considerar a localización desta factoría sen necesidade de atentar contra núcleos de poboación, bosques ou terras de cultivo, tan escasas no país.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal