ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Ferrolterra pide o abaratamento dos...

04-03-2015

ADEGA-Ferrolterra pide o abaratamento dos billetes do autobús.

A asociación ecoloxista ADEGA vai desenvolver unha acción este xoves 5 de marzo consistente en viaxar no autobús urbano 1-2 dende a Praza do Callao ata Neda ás 19.30 horas e viceversa, para demandar unha mellora do servizo de autobús e abaratamento do billete. Durante a viaxe repartirán información aos usuarios. 

Ferrol é a capital galega onde máis caro é viaxar en autobús e isto é así pola pouca inversión das administracións públicas neste servizo. Fronte aos 14€/habitante invertidos no transporte público en Ferrolterra, na Coruña son 30,6€ e en Santiago de Compostela chegan aos 40€/habitante. Por este motivo ADEGA vai desenvolver unha acción este xoves 5 de marzo para reclama un maior investimento neste servizo e corrixir o agravio comparativo que isto supón para os cidadáns desta comarca con respecto aos doutras do país.

A acusada crise que sufre esta comarca con forte descenso de poboación e cunha porcentaxe de paro maior que no resto de Galiza, tería que ser motivo suficiente para levar a cabo investimentos para mellorar o servizo e abaratar os billetes. Por esta razón ADEGA-Ferrolterra esíxelle aos concellos de Ferrol, Narón e Neda e á Xunta de Galicia maior investimento no transporte publico desta comarca.

O transporte público é o medio mais económico, xusto e sustentábel, debido ás baixas emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiros en proporción ás persoas/mercadorías transportada, e a pesar de que na comarca sexa a máis cara do país o autobús segue a ser empregado diariamente por centos de persoas. Por todo isto ADEGA invita a toda a cidadanía e entidades sociais que así queiran a participar nesta acción.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal