ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Demoledor informe do Valedor do Pobo contra a...

03-03-2015

Demoledor informe do Valedor do Pobo contra a liña eléctrica polas Fragas de Catasós

Alternativas liña aérea Catasós

A queixa presentada diante deste organismo por máis de 11.000 persoas e numerosos colectivos sociais, ten a súa orixe na teima de Unión Fenosa Distribución, S.A. de pasar unha liña de transporte eléctrico por riba dun espazo, as fragas de Casas Vellas e Catasós, de importante valor paisaxístico e ecolóxico. Como consecuencia, e empresa tiña previsto talar, coa aquiescencia da Xunta, máis de 200 árbores da floresta autóctona, entre as que se atopan algúns dos exemplares dos castiñeiros máis altos de Europa.

Na nosa xuntanza coa equipa do Valedor, ADEGA referiulle o enorme valor paisaxístico e patrimonial deste singular espazo, continuación do Monumento Natural das Fragas de Catasós. Demos conta tamén da estratexia da empresa para evitar considerar outras alternativas, mesmo do seu intento por impoñer o trazado que lle interesa por razóns exclusivamente económicas.

Na súa resolución, o Valedor faise eco das nosas consideracións, sinalando que a proposta da empresa, refrendada pola Xunta, incumpre as determinacións da Lei da Paisaxe de Galiza (7/2002), do Catálogo da Paisaxe do Deza (Decreto 171/2012, o único até o de agora aprobado) e da propia Lei de Montes (7/2012), por canto lesiona a función social deste singular espazo.
Sinala tamén a grave responsabilidade da administración neste caso, ao dar por bo na DIA (Declaración de Impacto Ambiental) o estudo paisaxístico apresentado pola empresa sen esixirlle a aplicación de medidas correctoras para preservar a singularidade destas fragas.

O Valedor evidencia tamén a estratexia desleal e torticeira de Fenosa para facer valer os seu negocio por riba do interese público. Diante do último ofrecemento da empresa de elevar os apoios da liña ao seu paso por Casas Vellas, o Valedor aponta que esta solución "non garante a protección da fraga, senón que polo contrario conleva a necesidade de facer prevalecer o carácter de servidume de paso de liña eléctrica de alta tensión, co que nalgún momento se verán afectadas algunhas e mesmo todas as árbores e os demais elementos da paisaxe e o ecosistema".

Lembremos tamén que nun primeiro momento Fenosa argumentara que a lei non lle permitía soterrar o trazado fóra de chan urbano, o cal é falso: o RD 1048/2013 só sinala que estes custos non serán obxecto de compensación e que portanto, deben ser asumidos pola empresa (cousa que evidentemente non quere facer).
Gas Natural Fenosa Distribución S.A., prosegue o informe, "non está a cumprir co seu compromiso de responsabilidade corporativa en relación ao medio ambiente". "A execución da liña eléctrica nos seus actuais termos é incompatible coa protección das fragas, en particular Casas Vellas, dada a súa notoria singularidade e beleza, que debe ser obxecto de protección especial, e polo seu valor cultural, paisaxístico e ambiental. A utilidade pública e o interese social da súa preservación debe considerarse prevalente respecto da utilidade pública da execución dunha liña eléctrica."

Perante estes feitos, o Valedor do Pobo conclúe, dirixíndose á Xunta e a Fenosa, que deben revisar o actual trazado para preservar os valores paisaxísticos e ambientais da Fraga de Casas Vellas e soterrar a liña ao longo da estrada (N-525) de entrada a Lalín.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal