ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / "Kit de emerxencia" fronte a plantacións ilegais...

29-01-2015

"Kit de emerxencia" fronte a plantacións ilegais de eucaliptos

A expansión do eucalipto, consecuencia dun modelo forestal e territorial perverso

O aumento do cultivo do eucalipto vén da man do abandono agrario e do declive do medio rural galego. A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional, de implicación ambiental e social orquestada dende a administración (“El mundo rural está condenado a desaparecer”, Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural dixit) fai que o destino de moitos montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente do eucalipto, substituindo de paso ás frondosas autóctonas.

A recente lei de montes galega (Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galiza), aprobada en solitario polo PP, é unha desas normas favorecedoras dos monocultivos e está detrás dun repunte das plantacións de eucalipto.

Porén, existen uns mínimos que aínda limitan a plantación de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, en terreos agrícolas, a menos de 15m dos cursos fluvias ou a menos de 100m da liña de costa. E estes mínimos, a todas luces insuficientes para asegurar a correcta conservación dos valores naturais da nosa terra, en moitos casos tampouco están a cumprirse.

Kit de resposta fronte ás plantacións ilegais de eucaliptos

Dentro da campaña “Cousa de Raíces” en defensa dos nosos bosques autóctonos, promovida por ADEGA outras 50 organizacións sociais e gremiais, queremos dar resposta ás numerosas consultas e denuncias de plantacións de eucaliptos. Moitas destas plantacións nen sequera cumpren cos mínimos legais, de xeito que mediante unha denuncia podemos esixir da Xunta o cumprimento da norma e, como xa ten acontecido en moitos casos, conquerir a retirada dos eucaliptos plantados ilegalmente e a súa substitución por frondosas autóctonas.

Entendemos, como propugna a campaña “Cousa de Raíces”, que son a divulgación e a concienciación do valor e as oportunidades vencelladas ao mantemento dos bosques autóctonos, as ferramentas máis efectivas para promover a súa conservación. Porén, este ”Kit de resposta rápida” pretende ser un instrumento útil para salvagardar aquelas masas ameazadas por plantacións de eucaliptos, mediante a denuncia de actuacións ilegais.

Á marxe das actuacións que calquera particular ou entidade queira desenvolver usando este “kit”, en ADEGA seguiremos recollendo, trasladando á administración e denunciando aquelas cortas ou plantacións ilegais que ameazan a supervivencia das nosas frondosas autóctonas.  

Contacto da campaña: cousaderaices@adega.gal

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal