ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / San Sadurniño pon en marcha o primeiro programa...

19-11-2014

San Sadurniño pon en marcha o primeiro programa de recollida´porta a porta´no rural de Galiza

O Concello de San Sadurniño xa ten a punto o programa experimental de recollida de lixo "porta a porta" polas casas, que comezará a probarse en Ferreira e nalgúns lugares lindeiros con esta parroquia a partir de decembro. O proxecto servirá para ver a viabilidade dun sistema alternativo de recollida e compostaxe dos residuos domésticos co que se agardan reducir custos económicos e ambientais, ademais de facerlle máis cómoda á veciñanza a xestión do lixo. Este xoves día 20-N a parties das 17.00h. hai convocada unha xuntanza informativa no local social da Seara á que están chamados os veciños e veciñas dos lugares onde se fará o programa

Aos arredor de medio cento de domicilios que participarán no estudo proporcionaráselles un colector para o lixo inorgánico e, se o precisan, tamén un composteiro para o orgánico. A novidade do sistema é que o servizo de recollida retirará unicamente os restos do colector xenérico e os plásticos, latas, bricks, etc. mentres que os veciños autoxestionarán o lixo orgánico (restos de comida, varreduras, podas...) ben como mantenza dos animais ou para producir esterco, igual que se fixo toda a vida nas zonas rurais.

Desta maneira búscase reducir a cantidade total de lixo xestionado e gastar menos no sistema de recollida, transporte e tratamento dos residuos, xa que a materia orgánica supón o 50 por cento da tonelaxe total que se envía a SOGAMA. Coa recollida "porta por porta" combinada coa compostaxe caseira estímase que se podería reducir á metade unha factura que nestes momentos é de 80 euros por tonelada.

O plan piloto que botará a andar a primeiros de decembro centrarase principalmente na parroquia de Ferreira, aínda que tamén beneficiará a parte de Naraío, San Sadurniño e Igrexafeita. Concretamente serán 18 nucleos: Raña, O Coto, A Gándara, Penavidreira, Piñeiros, Os Pontigos, Couce da Fraga, Lapas, Santiso, As Filgueiras, O Xestal, O Rosoiro, O Chao de San Cristovo, O Sumeiro, Caínce, A Picheira, O Hedreiro e Amido. Nesta primeira fase de carácter experimental participarán 50 vivendas e 150 persoas, aínda que indirectamente incidirá sobre toda a poboación local xa que se pretende mellorar o sistema de recollida de residuos e acadar así un aforro no seu custo xeral.

A iniciativa complétase cunha campaña informativa -tamén casa a casa- que desenvolverá ADEGA, para explicar como empregar o composteiro e os usos do compost xerado. Nesta campaña realizaranse 3 visitas a cada domicilio para avaliar a evolución do plan e logo dun ano contarase xa con datos sobre o rendemento ambiental, social e económico para estendelo a outros lugares do municipio.

ADEGA parabeniza ao concello e á veciñanza de San Sadurniño por seren os primeiros do país en desenvolver un programa "porta a porta" de recollida, por riba nunha área rural e combinado coa compostaxe caseira. Fronte á ruína económica e o modelo caduco de incineración/vertido que defende SOGAMA, iniciativas valentes como esta amosan que outro xeito de tratar o problema dos residuos é posíbel.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal