ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Crónica das Xornadas e Congreso de Custodia do...

13-11-2014

Crónica das Xornadas e Congreso de Custodia do Territorio

Do 5 ao 8 de novembro ADEGA participou no primeiro Congreso Europeo de Custodia do Territorio e tamén nas V Xornadas Estatais de Custodia do Territorio que se celebraron no edificio CosmoCaixa (Barcelona).

I Congreso Europeo de Custodia do Territorio

Neste econtro participaron máis de 250 persoas de varios países europeos e americanos. Celebráronse 13 mesas de traballo organizados por diferentes entidades nas que se presentaron iniciativas amosando como a custodia do territorio pode ser unha importante ferramenta para a conservación da natureza e da biodiversidade, así como a importancia da implementación da custodia nas políticas europeas.

Houbo un total de 26 comunicacións curtas, entre elas ADEGA levou dúas, que se presentaron na sesión de Comunicación da custodia do territorio e traballo en rede.

  • Ramsés Pérez. Custodia fluvial. Iniciativas de conservación a través de asociacións -        
  • Lucía Parente. Charcas con Vida, custodia, educación ambiental e voluntariado.

Exhibíronse un  total de 23 posters, ADEGA presentou dous coas iniciativas mencionadas no parágrafo anterior. Houbo tamén diferentes sesións de traballo en rede, e tamén se emitiu o documentalEntre o ceo e a Terra. 30 anos dos Aiguamolls de l'Empordà”, un filme sobre a loita ecoloxista nos ano 80 para a conservación dun humidal que hoxe é un dos Parques Naturais de referencia en Cataluña.

O sábado 8 os asistentes participaron en dúas visitas guiadas a dous interesantes proxectos de custodia do territorio.
  • Custodia agraria para promover a conservación do territorio a través da produción sostible, organizada por IAEDEN GOB – Menorca
  • Xestión sostible para a conservación da biodiversidade dende a custodia do territorio, organizada pola Fundaciò Emys

V Xornadas Estatais de Custodia do Territorio

As xornadas contaron tamén con diferentes charlas e obradoiros, repartidos en diferentes sesións de traballo entre o 5 e o 6 de novembro. Nestes espazos debatíronse diferentes experiencias, problemas e inquietudes en torno á custodia. Como necesidade futura subliñamos a necesidade de afianzar e estender a custodia do territorio como ferramenta de conservación en Galiza e en todo o estado. Para iso será preciso o desenvolvemento do marco normativo, intentivos fiscais e impulso dos contratos de custodia no dereito privado, o rexistro de entidades de custodia e a acreditación da calidade das propostas.

Debatiuse sobre os novos mecanismos de financiación, o traballo en rede, a conexión coa cidadanía ou a importancia do sector como grupo de presión en polícas e decisión administrativas.

A Plataforma de Custodia da Fundación Biodiversidad presentou os resultados do último inventario de acordos e entidades de custodia, que describe a situación da custodia ata finais do ano pasado.

Nas xorandas estiveron sectores económicos relevantes para a custodia como os agricultores, gandeiros extensivos, cazadores e varias empresas relacionadas coa minaría entre outras. Tamén estiveron presentes algunhas aministracións implicadas coa custodia como a Confederación Hidrográfica do Douro.





Tanto as Xornadas como o Congreso foron lugares de encontro moi interesantes, onde persoas e entidades de diferentes ámbitos puidemos compartir ideas e experiencias ligadas a un interés común: a conservación dos valores naturais, culturais e paisaxísticos a través a participación e a implicación directa de persoas que usan e coidan o territorio.

Declaración de Barcelona da Custodia do Territorio


Durante o congreso os participantes tiveron oportunidade de facer comentarios e suxerencias á Declaración de Barcelona que foi asinada o último día do congreso e que estará dispoñible online nas próximas semanas.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal