ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Terrorismo ambiental na Ría do Burgo: mais outro...

30-10-2014

Terrorismo ambiental na Ría do Burgo: mais outro ano sen cartos para rexenerala

Artigo de Amancio Sotillo, presidente de ADEGA-Coruña

Cartaz atopado na limpeza da ría do Burgo en 2013

A Ría do Burgo volta a ser esquecida nos orzamentos para o 2015, tanto nos do Estado como nos da Xunta. Non existe partida orzamentaria algunha para a súa rexeneración. Casualidade?

Unha das problemáticas que concita máis unanimidade en todos os sectores sociais da comarca da Corunha (Estado, Xunta, Concellos, movementos veciñais, partidos, sindicatos, etc.) é a necesidade de recuperar a Ría do Burgo do seu actual estado de contaminación e improdutividade. Porén á hora de traducir estas boas verbas en accións, todo queda na máis absoluta e incomprensíbel indefinición orzamentaria.

Dito todo o anterior, tampouco é que nos sorprenda demasiado. Son xa moitos anos de mobilizacións, denuncias, visitas de inspección, estudos, promesas... que ficaron en nada. A única explicación, o único cualificativo que merece este secular desleixo coa Ría do Burgo por parte das administracións é o de TERRORISMO AMBIENTAL. Un terrorismo debida e escrupulosamente programado por parte dos poderes políticos, das institucións implicadas, dos partidos con responsabilidade de goberno, cunha coñecida traxectoria de dicir unha cousa nos Concellos, outra no Parlamento galego, outra no Congreso do Estado e outra no Parlamento Europeo, nun exercicio de coherencia disciplinadamente corrupto.

Saben que a rexeneración da ría non dá votos, nin atrae “investimentos especulativos” a curto prazo, nin xera “pelotazos” nin “mordidas”, como si os dan os grandes investimentos en formigón: Paseos marítimos e fluviais, recheos de praias, portos exteriores, etc. obras todas elas con moi pouco ou ningún sentido ambiental e sustentabilidade, como non sexa a súa propia.

A rexeneración non dá votos nen rende sobres e ´mordidas´

Saben que a rexeneración da ría non dá votos, nin atrae “investimentos especulativos” a curto prazo, nin xera “pelotazos” nin “mordidas”, como si os dan os grandes investimentos en formigón: Paseos marítimos e fluviais, recheos de praias, portos exteriores, etc. obras todas elas con moi pouco ou ningún sentido ambiental e sustentabilidade, como non sexa a súa propia.

A verdadeira desgraza de todo o que esta á acontecer coa Ría do Burgo é que nun curto perido de tempo, non máis alá de cinco anos, estaremos falando dunha verdadeira “cañeira” na comarca da Corunha, con todo o que iso supón: Perda de postos de traballo no marisqueo, perda de calidade de vida na contorna da ría, depreciación da economía da comarca, etc.  Por non falar da sanción económica que pode impoñer a UE ao Estado Espanhol, (e que acabaremos pagando @s de sempre),  por non ter cumprido coa Directiva Marco da Auga (DMA) que será de aplicación a partires do 2.015, e que esixe o perfecto estado de salubridade das augas, tanto fluviais como marítimas.

A Coruña, a 27 de Outubro de 2014

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal