ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / O Consello da Cultura dá a razón á veciñanza e a...

15-10-2014

O Consello da Cultura dá a razón á veciñanza e a ADEGA e considera prioritario conservar o ameneiral de Sarria

Labazada nos fuciños á Confederación, Xunta e concello

Nun informe moi crítico coas administracións, o CCG considera o bosque de ribeira de ameneiros e olmos como de "conservación prioritaria" e os seus elementos "insubstituíbeis".

O documento, asinado polos responsábeis das seccións de Ciencia, Natureza e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros e Patrimonio (Iago Seara) deixa meridianamente claro cais son as prioridades que as administracións deberían seguir ao actuar nunha contorna con valoras naturais, paisaxísticos, patrimoniais e cidadás.

A máxima prioridade de conservación, como elemento definidor da paisaxe fluvial "indiscutíbel e insubstituíbel" é o bosque de ribeira de ameneiros e olmos, precisamente os que a CH Miño-Sil quere talar coa conivencia da Xunta e o Concello de Sarria.

Consenso e diálogo fronte a prepotencia e represión

O diálogo segundo a CHN, Xunta e Concello

Alén de facer referenza tamén á necesidade de preservación dos elementos patrimoniais máis senlleiros, como os restos antigos da Ponte da Ribeira, e de criticar actuacións "que non teñen ningunha relación coa prevención de enchentes", como a substitución da actual varanda por unha de vidro "descontextualizante", o CCG recomenda ás administracións que usen a vía do diálogo e favorezan o consenso, ofrecéndose para mediar.

A actitude da Confederación e Xunta nesta caso foi precisamente a contraria: prepotencia, escurantismo e represión, fronte a unha veciñanza que fixo o que as administracións esqueceron culposamente: cumprir a lei e protexer o noso patrimonio.

Dende ADEGA queremos dar os parabéns ao Consello da Cultura e aceitamos o seu amábel ofrecemento para mediar nunha "Conferenza de Consenso" na que Confederación Hidrográfica, Xunta, Concello deberan participar se aínda manteñen un mínimo de vergoña.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal