Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA leva á Fiscalía as actuacións de COSMOS,...
13-10-2014
Para ADEGA trátase dun gravísimo atentado contra un valioso patrimonio histórico e arqueolóxico, que en calquera outro lugar estaría fortemente protexido e sería foco de atención científica e reclamo turístico, ao mesmo nível que as covas de Altamira.
Porén, a actividade mineira da empresa COSMOS chegou até a mesma planta da cova, malia a protección que lle confire ser un Ben de Interese Cultural (as covas con pinturas rupestres están automaticamente declaradas BIC segundo o artigo 40.2 da lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español).
Como consecuencia da eliminación da capa de solo e do material xeolóxico que protexía a planta da cova, a infiltración de augas superficiais aumentou considerábelmente producindo a entrada de auga que escorrega polas paredes da cova, co risco de destrución das pinturas e gravados rupestres do seu interior.
O risco de deterioración do BIC vese tamén agravado pola utilización de maquinaria pesada na vertical da cova e as vibracións xeradas por esta maquinaria e as voaduras da explotación.
O noso apelo á Fiscalía baséase na urxencia e gravidade da situación actual, ante a perspectiva de que as choivas deste outono e a desprotección que presenta a cova fronte á entrada da auga superficial como consecuencia das actuacións xa descritas, acaben por danar irremisiibelmente as valiosas pinturas.
ADEGA entende que as actuacións de COSMOS no entorno inmediato da cova non só non poden estar amparadas por licenzas ou autorizacións vencelladas á actividade mineira, senon que estas son nulas de pleno dereiro. A este respeito, non nos consta que a empresa Cosmos teña cumprimentado diversas condicións impostas por Patrimonio, como a presentación dun plano de protección e conservación da cova; a elaboración dun “protocolo de seguridade”; o seguemento e control dos traballos, entre outras.
Como queira que os traballos continúan coa licenza do concello de Triacastela e diante da pasividade da Xunta, ADEGA viuse obrigada a acudir á Fiscalía de Medio Ambiente e Patrimonio do TSXG para facer cumprir a lei e impedir a deterioración dun ben senlleiro e irremprazabel do noso patrimonio cultural. Solicitamos ao Fiscal que logo de instar á paralisación cautelar das obras, dea traslado do caso ao xulgado pola presunta comisión dun delicto contra o Patrimonio Histórico e a posíbel prevaricación na que incorrerían as administracións, como cooperadoras necesarias desta desfeita.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal