ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo pide maior vixianza ambiental na...

30-09-2014

ADEGA-Lugo pide maior vixianza ambiental na cabeceira do Rato

Limpeza no río Rato 2014

ADEGA manifesta a súa preocupación pola constante acumulación de residuos sólidos urbanos que ano tras ano se atopa nas dúas vertentes do nacemento do río Rato, nas Gándaras e no Ceao.  

Con motivo da limpeza simultánea de ríos que cada ano organiza Proxecto Ríos e ADEGA, membros e simpatizantes de ADEGA acoden á cabeceira deste afluente do Miño na localidade de Lugo para retirar milleiros de quilos de lixo de todo tipo (frigoríficos, cadeiras de coches, latas de aceite, televisores, entullos, etc.). Esta actividade realízase principalmente nunha zona verde que protexe unha das nacentes do río, no Polígono novo das Gándaras, e que a día de hoxe é de titularidade municipal.  

Nesta VII edición da Limpeza simultánea de ríos, celebrada o pasado domingo, ADEGA-Lugo volveu convocar nesta zona aos voluntarias e voluntarios que retiraron preto de 1 tonelada de residuos entre os que había uns 10 sacos de entullo, 3 televisores, 2 frigoríficos, 2 sofás de coches, pneumáticos, varias latas de aceita, pezas de baño, etc.   

Ata este ano, tamén se recollían residuos nunha zona situada a carón dos terreos municipais, onde se adoitaba acumular gran cantidade de desperdicios e que actualmente está valada e permanece limpa, grazas ás constantes denuncias de ADEGA e á colaboración do Concello e de Urbaser.  

Na outra nacente do río Rato situada no polígono do Ceao, localízanse distintos vertedoiros incontrolados de ferralla de vehículos, materiais de construción, electrodomésticos, etc., con compoñentes, algúns deles, que poden ser perigosos para o ambiente e as persoas, ás que chegan a través da auga. Semella que o peche do citado vertedoiro ilegal das Gándaras trasladou o problema ao Ceao, onde cidadáns irresponsables de Lugo depositan os seus refugallos, no canto de levalos ao Punto Limpo ou aos lugares destinados para súa correcta recollida. Este feito vén de ser denunciado recentemente por ADEGA diante do Seprona que, nestes intres, está a buscar aos responsables.

Outros vertidos e vertedoiros ilegais

Vertidos no Rato

ADEGA tamén quere chamar a atención sobre os vertidos residuais que as augas do Rato están a recibir procedentes dunha decantadora instalada en 2010 a carón do centro comercial de As Termas e que, por falta de corrente eléctrica, non está a funcionar correctamente. No obstante, o Rato non é o único río que ao seu paso por Lugo sufre problemas de contaminación.

ADEGA vén de poñer en coñecemento ao Seprona e ao Concello de Lugo sobre outros catro puntos negros de acumulación de residuos que este colectivo observou nas marxes do río Miño, desde a Ponte Vella ata Ombreiro, onde salta á vista un depósito ilegal de pneumáticos.

Maior vixianza e concienciación

Por todo isto, desde ADEGA solicitamos ao Concello de Lugo, aos corpos de seguridade do Estado que vixían o medio ambiente e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que, dunha vez por todas, tomen cartas no asunto e fagan vixiar con maior regularidade, nomeadamente, a cabeceira do Rato e aquelas zonas ou terreos fluviais que están baixo a súa xurisdición.

Ademais, consideramos necesario que tanto o Concello como a Confederación promovan campañas de concienciación ambiental que contribúan a protexer as marxes e caudais dos nosos ríos de calquera tipo de contaminación.

A través das accións de voluntariado, como a limpeza simultánea de ríos, ADEGA trata de concienciar a cidadanía e ás institucións do lamentable estado dalgúns efluentes e da necesidade de coidalos, pero lembra que non é o seu labor limpar ano tras ano a cabeceira do río Rato.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal