ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Xunta e patronal pasteira ensaian fumigacións con...

16-09-2014

Xunta e patronal pasteira ensaian fumigacións con novos químicos nos montes galegos

ENCE experimenta con químicos coa beizón da Xunta e o Ministerio

Mapa das fumigacións e concellos

ADEGA vén de coñecer o novo intento de ENCE, através de ASPAPEL, de fumigar masivamente plantacións de eucaliptos con MAVRIK-10 (principio activo tau-fluvalinato). Este composto insecticida/acaricida foi formulado orixinariamente para o combate dos pulgóns, ácaros e outros insectos nos cultivos de horta e froiteiras. A súa utilización contra o gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus Gyll) é pois novidosa.

A Xunta, a pedido de ASPAPEL-ENCE, solicitou ao Ministerio un permiso excepcional para poder ensaiar os efectos deste insecticida nas plantacións de eucaliptos infestadas polo gorgullo. O Ministerio (Dirección General de Sanidad de la Producción Agraria) autorizoulles o experimento de xeito excepcional entre o 9 de xuño e o 6 de outubro deste ano.

ASPAPEL presentou un proxecto para aplicar este composto (MAVRIK-10, principio activo tau-fluvalinato) sobre 17.457 ha de eucaliptais en parcelas afectadas nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Se a fumigación "experimental" dá resultado, a patronal pasteira pretende estender o tratamento á totalidade da Coruña e Pontevedra, así como aos distritos forestais VI (A Mariña de Lugo) e IX (O Ribeiro-Arenteiro).

Un insecticida que pode ser tóxico para as abellas

Malia a que ASPAPEL no seu proxecto de fumigación indica que este composto nocivo, irritante, bioacumulativo e altamente tóxico para a vida acuática non presenta riscos para as abellas, existen publicacións e estudos que describen interaccións tóxicas para as colmeas en conxunción con outros produtos. Mesmo nalgunhas bases de datos internacionais sobre os efectos dos pesticidas (como a da Univ. de Hertfordshire) indícase que este composto ten unha toxicidade "moderada" para as abellas.

De feito, o tau-fluvalinato baixo a formulación APISTAN ten sido intensamente usado para o tratamento da varroa, un parasito das abellas. Porén, este composto en interación con outros tratamentos anti-varoa como o CHECKMITE+ (principio activo Coumaphos) podería ser unha das causas da morte das abellas e da síndrome do colapso das colonias, segundo apontan algúns investigadores (Johnson, 2009; Frazier et. al, 2008).

Referenzas:
Frazier, M., C. Mullin, J. Frazier and S. Ashcraft. 2008. What have pesticides got to do with it? American Bee Journal 148: 521-523.
Johnson, R. M., H. S. Pollock, and M. R. Berenbaum. 2009. Synergistic interactions between in-hive miticides in Apis mellifera Journal of Economic Entomology 102: 474-479.

Todo pola pasta!

Despois do fallido intento en 2012 de ASPAPEL / ENCE, en comenencia coa Xunta, de fumigar medio país co tóxico flufenoxuron (CASCADE) prohibido pola UE, a patronal pasteira e os seus factótums políticos volveron á carga aproveitando a época estival.

Desta volta pretenden usar os nosos montes como parcelas experimentais para ensaiar até o 6 de outubro novos usos de perigosos insecticidas, a maoir gloria do seu negocio co eucalipto. Deste xeito, 52,3 toneladas deste composto insecticida van ser ou foron xa esparexidas por parcelas da Mariña e Ferrolterra, entre outras, nalgúns casos sen respectar as restriccións de aplicación:

  • Non fumigar a menos de 100m de masas de auga, regos, pozos ou mananciais.
  • Non tratar zonas con alta pendente e risco de escorrentía.
  • Non fumigar con chuvia ou risco de chuvia.
Dende ADEGA vimos solicitar da Xunta información sobre este proxecto de fumigación experimental e o seu grao de desenvolvemento, con indicación dos lugares xa fumigados e as parcelas pendentes de tratar, así como as precaucións e medidas de segurirade para garantir a saúde ambiental e cidadá.
Animamos ás comunidades de montes, propietarios/as forestais, apicultores/as e labregos/as a demandar da Xunta máis transparencia e información sobre estas prácticas perigosas e potencialmente contaminantes.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal