ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Análises e previsións da Alianza Rural Galega...

23-07-2014

Análises e previsións da Alianza Rural Galega para a tempada de lumes de 2014

Dende a Alianza Rural Galega queremos fuxir de predicións e agoiros catastrofistas á hora de valorarmos a posíbel incidencia dos incendios forestais durante o periodo de máximo risco deste ano. Porén, compre termos en conta unha serie de condicionantes que van determinar a maior ou menor incidencia dos lumes nun territorio.

O clima, principal fator determinante malia ás medidas da Xunta

En primeiro lugar, chámanos a atención que malia a que os lumes en Galiza son un conflito cunha fonda base social, sensíbel portanto ás políticas sobre a xestión do territorio, o principal factor determinante siga a ser a climatoloxía. Este feito deixa clara a ineficacia ou o desleixo cómplice da actual administración, máis preoupada por apagar os lumes físicos e mediáticos que por intervir sobre as causas –principalmente socioeconómicas- que os provocan.

Fica pois ao abeiro do tempo, único factor sobre o que non se pode intervir directamente, que esta tempada vivamos outra vaga de incendios catastrófica ou que a incidencia do lume sexa menor que outros anos. Cunha climatoloxía adversa (altas temperaturas, forte vento e baixa humidade) tanto terán as medidas de extinción que a Xunta artelle através do institucionalizado PLADIGA: o monte seguirá ardendo.

Deste xeito, neste 2014 cunha primavera e verán até o de agora moi húmidos, a franxa atlántica vaise salvar de grandes incendios. Se a calor vén en agosto e setembro, cabería agardar una maior incidencia dos lumes nas comarcas interiores de Lugo, Ourense e Pontevedra. E de persistir esta situación, os principais focos poderían trasladaranse tamén á franxa atlántica da Coruña e N de Pontevedra.

Os lumes, consecuencia das políticas de abandono do medio rural

Se sobre a previsión climática superponemos ademáis os factores socioeconómicos que propician os lumes (envellecemento da poboación, abandono do rural, forestación con pirófitas e outros cambios nos usos do monte, así como os conflitos coas especies cinexéticas, entre outros) atopamos que os distritos forestais III e XII na Coruña; VII, IX e X en Lugo; XII e XIII en Ourense acumulan un maior risco de confitos incendiarios.

Outros factores non resoltos e vencellados ao uso do lume como instrumento (de protesta, administrativo, de confrontación política ou mediático) poden ser tamén o detonante dos lumes naquelas comarcas, particularmente as costeiras (distritos IV, V, XVIII e XIX) nas que os incendios amosan ademais un maior risco para a poboación por producírense en áreas periurbanas ou con importante concentración poboacional.

Para a Alianza Rural Galega, esta análise froito de poñermos xuntas as distintas variábeis que interveñen na ecuación dos incendios, amosa dous feitos: En primeiro lugar, a miopía dunha administración que insiste en apostar todo á extinción abandonando a prevención e que mesmo pretende criminalizar á cidadanía das comarcas con máis lumes, como se o problema incendiario fóra só cuestión de orde pública. E en segundo, o desleixo e falla de responsabilidade da Xunta que prefire “pasarlle a bóla” aos concellos e encomendarse á virxe do Rocío que afrontar o conflito dos lumes como un problema social e como tal, resolúbel con métodos participativos, formación, información e concienciación.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal