ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A compostaxe caseira esténdese polas parroquias...

18-06-2014

A compostaxe caseira esténdese polas parroquias de Pontevedra

Catro novas parroquias incorpóranse nesta 3ª edición do programa de compostaxe caseira

O programa inclúe o reparto gratuíto dun composteiro, un manual de compostaxe, asistencia a unha charla inicial e un seguemento con tres visitas a cada casa co obxectivo de observar o proceso e resolver as dúbidas que poidan xurdir.

Este ano as parroquias que se incorporan ao programa de compostaxe son Sto. André de Xeve, Sta. María de Xeve, Verducido e Cerponzóns. Con esta edición xa son nove as parroquias nas que se repartiron composteiros e formación, alén de  traballar a sensibilidade ambiental facendo á xente partícipe da solución á problemática dos residuos.

Na presentación pública e charla formativa estivo presente a concelleira Carme da Silva e  María R. Lafuente, coordenadora dos programas de compostaxe, por parte de ADEGA.

Explicaron a importancia deste proxecto e a problemática dos residuos mal xestionados, nocións básicas sobre a compostaxe e coidados do composteiro. Ao remate da palestra a xente inscrita recolleu o seu composteiro e o manual de compostaxe para comezar a autoxestionar os seus residuos orgánicos transformándoos en compost.

Nesta xornada tamén se puido visitar a exposición de ADEGA que leva como titulo “A compostaxe e o compost: dende a teoría á práctica”.  Dende ADEGA queremos darlle os parabéns aos concellos que entenden que dende o ámbito local pódense facer moitas cousas para mellorar a xestión dos residuos con iniciativas como é a compostaxe caseira e comunitaria.

Deste xeito, conséguese pechar o ciclo da materia orgánica nas propias vivendas reducindo a cantidade que van ao contedor municipal e mellorando a separación do resto dos materiais.

Mais información: María R. Lafuente, coord. dos programas de comppostaxe de ADEGA (628378804)

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal