ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / O concello de Santiago bota o peche a 10 anos de...

21-06-2012

O concello de Santiago bota o peche a 10 anos de Educación Ambiental

O concello de Santiago bota o peche a 10 anos de Educación Ambiental

21 de xuño de 2011. En vésperas do remate do curso escolar, en ADEGA queremos sumarnos á denuncia sobre o estado do ensino, en particular sobre a situación da Educación Ambiental nas escolas de Compostela.

Nestes centros, aos recurtes estatais súmanse os locais, xa que dende fai meses e durante todo o curso escolar a piques de rematar, véñense acumulando retrasos e anulando programas. É o caso do Programa de Educación Ambiental desenvolvido por ADEGA durante 10 anos nos centros educativos do concello. Alén disto, o concello de Compostela tenta silenciar o traballo feito até o de agora, xa que o programa anunciado este martes 19 pola responsábel da área de Medio Ambiente como "programa educativo ambienta"l no IES Xelmirez I, xa foi desenvolvido por ADEGA dende o 2003 até o 2007 en varios centros de ensino coa denominación de “Hortos escolares”.

ADEGA defende o dereito a educación medioambiental no IES Xelmirez I, pero tamén en todos os demais centros escolares, como se viña facendo dende hai 10 anos. Sabemos de grandes investimentos que se están a facer noutras áreas do concello, nomeadamente en infraestruturas, mais no tocante á educación o concello vén de “derrubar” a que sería a 10ª edición do Programa de Educación Ambiental dirixido aos escolares dende Infantil a Bacharelato. Este programa foi froito do traballo desenvolvido en anos anteriores polas concellarías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Educación, xunto coa equipa de educadoras ambientais de ADEGA.

Dende a nosa entidade, sobra dicir que a finalidade deste programa de Educación Ambiental é dobre, xa que trátase por unha banda de sensibilizar á poboación escolar sobre a problemática ambiental, ao tempo que se informa e forma nos distintos eidos municipais de actuación en materia ambienta: o uso dos espazos naturais e da biodiversidade, a xestión dos residuos e a auga, así como a educación para o consumo sustentábel foron algunhas das materias tratadas neste programa de EA durante estes 10 anos.

ADEGA quere informar á veciñanza de Compostela, pais e nais afectadas, que logo de moito insistir, a resposta do goberno municipal foi que "estamos estudando o Programa", seguido dun silencio absoluto. No entranto asistimos a outras iniciativas e investimentos por parte do concello de Compostela que nada teñen que ver coa educación, e menos en materia ambiental. A estas alturas do curso, é ben sabido que a pesares de non ter notificación oficial, é un feito que o programa de EA deste curso non se levou a cabo, constatando tamén o nulo interese por reeditalo no curso 2012-2013.

Por iso dende ADEGA vémonos na obriga de denunciar estes feitos e ao tempo expresarmos a nosa solidariedade cos pais e nais, docentes e demais membros da comunidade educativa pola situación que está pasando a educaciónpúblical e particularmente a ambiental.

ADEGA continuará o seu labor educacional no eido ambiental iniciado fai 10 anos en Compostela tanto neste como noutros concellos de Galiza. Entendemos que este traballo non se pode perder xa que este Programa de Educación Ambiental atende á recomendación da EGEA (Estratexia Galega de Educación Ambiental) sobre a necesidade de colaboración entre diversas entidades para levar adiante programas permanentes de EA como unha ferramenta máis para acadar un desenvolvemento social, económico e ambiental sustentábel.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal